O Concello entrega á Deputación o proxecto de construción da senda dos Caneiros que se executará ao longo de 2019 despois de que estea garantida a achega provincial

935
A alcaldesa, María Barral, e o primeiro tenente de alcalde, Diego Fernández, mantiveron unha reunión co deputado provincial, Xosé Regueira, responsable Plans Provinciais

O Concello entregoulle á Deputación Provincial proxecto da senda dos Caneiros. A alcaldesa, María Barral, e o primeiro tenente de alcalde, Diego Fernández, mantiveron unha reunión co deputado provincial, Xosé Regueira, responsable Plans Provinciais. Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, quen confirmou a reserva dunha partida de 544 000 euros para facer fronte a este proxecto. A actuación executarase o próximo ano unha vez que o proxecto foi entregado ao ente provincial que terá que facer agora os trámites correspondentes para asinar  o convenio entre ambas as administracións e que o Concello saque a licitación as obras.

Coa presentación do proxecto culmina  un longo proceso dunha actuación coa que o Concello pretende pór en valor un espazo único, entre a cidade e Os Caneiros, mellorando a calidade das augas a través da execución de obras de mellora da rede de saneamento; construíndo unha senda peonil nunha contorna natural próximo ao río Mandeo; recuperando  a vexetación de ribeira e o bosque autóctono, mediante roza e limpeza de matogueira ou eliminación de especies non autóctonas, exóticas ou invasoras; favorecendo a captación de fauna autóctona, en particular de avifauna e para pór en valor e divulgar a ZEC Betanzos-Mandeo, permitindo o paso pola zona próxima ao río, á marxe do tráfico e do ruído, pero mantendo o carácter natural da contorna.

Tras anos de xestións, en agosto de 2017, tras a presentación de novas alegacións ás obras recollidas no proxecto de 2014, o Concello  decidiu paralizar o proceso e  encargar a redacción dun novo proxecto que supuxese a supresión das actuacións que xeraban un maior impacto e mellorar a actuación desde o punto de vista ecolóxico da contorna do río Mandeo no seu tramo final e na súa marxe esquerda. Este proxecto foi  encargado a unha empresa pero que, por problemas internos desta, o Concello viuse obrigado á rescisión do contrato e á realización dun novo encargo en xullo deste ano.

Nese momento abriuse un novo proceso participativo no que os grupos ambientalistas que traballan na área de Betanzos realizaron unha serie de suxestións que se tiveron en conta á hora de elaborar o documento definitivo para tratar de minimizar ao máximo os posibles riscos e posibles impactos durante a realización dos traballos de mellora ambiental e paisaxística desta senda, entre eles, eliminando o dique ou a rede de sumidoiros ás beiras do río e a pasarela sobre o carrizal de San Xiao.

Froito deste consenso, nace un proxecto que será un modelo de actuación en canles fluviais con actuacións de especial importancia con relación á mellora ambiental do espazo, e á eliminación de especies exóticas invasoras coa erradicación e control destas, a forma de actuar co eucalipto, así como solucións para revexetar o espazo con vexetación natural de árbores autóctonas.