O Concello entrega a Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa,  o título de fillo adoptivo de Betanzos

1879

O presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez, foi distinguido co título de “fillo adoptivo” de Betanzos nun acto celebrado na Sala Capitular do Concello co que se recoñeceu a súa traxectoria profesional, e a súa vinculación e colaboración persoal con Betanzos. O acto, aberto á veciñanza,  contou coa presenza, entre outros,  de familiares de Roberto Tojeiro; o presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay; o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; os concelleiros da Corporación, ex alcaldes; e directivos de Gadisa.

 

Roberto Tojeiro xunto ao alcalde, familiares e parte da Corporación Local

O alcalde, Ramón García Vázquez, suliñou na súa intervención que “dicir Gadisa, é tamén unha maneira de dicir Betanzos, porque Gadisa e todo o que representa forma parte de nós. Os betanceiros tivemos a sorte de que o teu pai, D. Roberto Tojeiro Díaz, elixise o noso municipio nos anos 80 para construír a sede central do Grupo Tojeiro, con Gadisa á fronte. Sen dúbida, esa decisión supuxo para Betanzos un antes e un despois na súa economía. O polígono de Piadela converteuse no motor económico dun Concello que ata ese momento non tiña un referente de zona industrial”.

O rexidor recordou que desde o momento que Gadisa se instalou en Piadela  “naceu unha relación entre Gadisa e Betanzos, Betanzos e Gadisa, que perdura no tempo. Relación no económico e no social, fortalecendo dende o principio os vínculos con Betanzos a modo de creación de emprego, que hoxe en día da sustento por centos de familias betanceiras e da súa comarca, e participando activamente de forma desinteresada nas actividades máis representativas da nosa cidade, con continuos patrocinios no deporte, na cultura, no ámbito social, non so colaborando co Concello senón con outras moitas entidades do municipio, un empeño persoal, cónstame, de D. Roberto Tojeiro Díaz, que mantivo o seu fillo, Roberto, desde que asumiu a presidencia de Gadisa”.

García Vázquez indicou que Betanzos quixo saldar  “unha débeda a modo de agradecemento, por ese compromiso e aposta persoal por manter e incrementar a presenza de Gadisa en Betanzos, creando e mantendo postos de traballo, imprescindibles para nosa economía local, nomeándoche fillo adoptivo dun municipio que sente orgulloso poder contar con alguén que, antes de empresario, é, primeiro, persoa, próximo, humilde, respectuoso, xeneroso… constante e perseverante”.