O Concello entrégalle o título de fillo adoptivo de Betanzos a Roberto Tojeiro Rodríguez, presidente de Gadisa

1480
O alcalde xunto a Roberto Tojeiro durante unha visita a Gadisa co presidente da Deputación, Valentín González

O presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez, será distinguido como “fillo adoptivo” de Betanzos nun acto que terá lugar hoxe, día 2 de febreiro, ás 20:00 h, na Casa Consistorial.

Nacido nas Pontes en 1961, casado e pai de dous fillos, con este nomeamento o Concello pretende recoñecer a súa traxectoria profesional, e a súa vinculación e colaboración persoal con Betanzos.

O Concello destacou a figura do Roberto Tojeiro como home de empresa, emprendedor, que fai da creación de emprego a razón da súa tarefa profesional, presidindo un grupo empresarial comprometido por convicción coa cidadanía, os colectivos e as institucións onde está presente como o caso do Concello de Betanzos onde, Gadisa, no seu día a día, está presente con continuos patrocinios de actividades deportivas, sociais e culturais, ademais de dar emprego a varios centos de familias do municipio.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou os valores de perseveranza e tenacidade de Roberto Tojeiro e o seu compromiso e aposta por manter e incrementar a presenza de Gadisa en Betanzos, creando e mantendo postos de traballo, imprescindibles para a economía local, características que ademais de formar parte da súa propio ADN, aprendeunas de quen foi o seu mestre, o seu pai Roberto Tojeiro Díaz.

Roberto Tojeiro tivo unha intensa formación académica que lle levou a estudar Administración e Dirección de Empresas no ICADE, que complementou con estudos de Auditoría e un posgrao de Top Management. Antes de facerse cargo da responsabilidade total do grupo como presidente e conselleiro delegado, en febreiro de 2011 pola morte do seu pai, foi escalando tarefas de responsabilidade en Gadisa como auxiliar do director administrativo, responsable financeiro e de investimentos, director xeneral financeiro e de control desde 1988, vicepresidente executivo-conselleiro delegado e director xeral. Un traballo que se resume nun grupo empresarial que factura uns 1100 millóns de euros anuais e que roza os 7000 empregados e empregadas.