O Concello entregou 160 axudas para escolares de Infantil, Primaria e Secundaria

1284

O Concello concedeu este ano 160 axudas escolares  a alumnos e alumnas do municipio matriculados/as en centros educativos da localidade nos que se imparte ensino de Infantil, Primaria e Secundaria. Con estas subvencións preténdese  promover o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e compensar ás familias con escasos recursos económicos para facer fronte aos gastos derivados da escolarización das/dos seus fillas/os, entendendo por tales a compra de libros e material escolar.

No concepto de libros e material escolar incluíronse libros escolares; material funxible (bolígrafos rotuladores, cadernos, carpetas, lápis, gomas de borrar, afialapis, etc.), material de debuxo e mochilas e estoxos. O orzamento reservado a estas bolsas ascendía a 22 000 euros. Os importes das axudas, segundo os tramos de renda per cápita mensual da unidade familiar, foron de 70 a 100 euros. A concelleira de Educación, María Barral, lembrou que o incremento das liñas de subvencións é “un dos obxectivos marcados polo grupo municipal para este mandato, de feito, o seu incremento foi progresivo dende a nosa chegada”.

Explicou que no ano 2011 había axudas, na mesma convocatoria, de 6000 euros para “comedor e material escolar” e na convocatoria de ese mesmo ano, xa co actual goberno, “incrementamos a partida ata os 11 000 euros”. Ao ano seguinte, ampliouse ata os 12 500 euros, é dicir, “duplicamos o orzamento”. Xa no ano 2013 o Concello separou as axudas de material das de comedor, e ficou en 10 000 euros a contía só para material escolar, para “o ano pasado chegar aos 16 000 euros do ano 2015 e incrementala de novo no exercicio do 2016 ata os 22 000 euros co que continúa”.  Por outra parte, tamén se publicou a listaxe provisional de concesión de axudas a universitarios. Este tipo de axudas foron convocadas por primeira vez hai dous anos. Reservouse unha partida de 10 000 euros. Con cargo a estes cartos outorgaranse 11 axudas.

Prazo escola infantil

A concelleira tamén lembrou que hoxe, día 15, remata o prazo de reserva de prazas na escola infantil municipal para o vindeira curso dos nenos e  nenas que están nestes momentos matriculados, mantendo ata o día 2 de abril o prazo aberto para solicitude de novos ingresos de cara ao curso 2018/19. As persoas que precisen máis información poden dirixirse as oficinas de Servizos Sociais.

Limpeza dos centros educativos

María Barral explicou tamén que dentro das accións que o Concello leva a cabo no mantemento dos centros educativos, acaba de sacar a licitación a contratación para a limpeza destas instalacións por un período de 18 meses, en concreto, as do colexio Vales Villamarín, o aulario de este mesmo centro, a escola infantil e o conservatorio. Trátase dun servizo que aínda que os centros son de carácter comarcal a súa financiamento depende do Concello de Betanzos.

O servizo de limpeza dos centros públicos de ensino inclúe, ademais do dos propios edificios, o dos patios e áreas incluídas no recinto escolar, mesmo o mantemento e conservación das papeleiras situadas dentro do recinto. Dentro deste servizo inclúense os materiais, produtos funxibles (papel hixiénico para os aseos, rolos para o secado de mans ou similar, xabón líquido, bolsas do lixo, limpadores xerais e limpadores específicos, limpadores desinfectantes, de mobiliario…) e en xeral, calquera material ou elemento necesario para a correcta realización da prestación.

A superficie total a cubrir por parte do servizo é de superficie total de 9700 m² e un número estimado de 38-44 horas de limpeza diaria a repartir entre os traballadores/as que o realicen. O servizo de limpeza será diario. En ningún caso deberá transcorrer ningunha data lectiva do calendario escolar sen que se atenda a limpeza, o que haberá de terse en conta no calendario laboral elaborado polo adxudicatario, xa que, en ningún caso poderá establecer como día non laborable para a adxudicataria un día lectivo para calquera dos colexios do municipio. Ao mesmo tempo, os períodos non lectivos serán aproveitados para a realización dunha limpeza xeral e profunda das instalacións en cada centro escolar durante un intensivo período de limpeza.  O servizo ten un orzamento de 258.964,2 euros.