O Concello estuda a construción dunha rotonda no cruzamento de Juan García Naveira con Fraga Iribarne

472
Cruce da avenida Fraga Iribarne coa avenida Juan García Naveira

Betanzos, 15 de xaneiro de 2018. O goberno local valora a construción dunha nova rotonda no cruzamento da avenida Fraga Iribarne coa avenida Juan García Naveira. Trátase dunha intersección cunha importante densidade de tráfico dada a contorna na que se atopa, con numerosos establecementos comerciais e o parque do Pasatempo. O Concello considera que a construción desta rotonda melloraría a fluidez de tráfico á vez que incrementaría a seguridade.

Trataríase dunha rotonda similar á xa construída na avenida do Carregal no seu cruzamento coa avenida Fraga Iribarne que mellorou notablemente a fluidez de tráfico na zona e a seguridade dese cruzamento.

Precisamente, o Concello abordará a mellora da avenida Juan García Naveira nun proxecto que, xunto a outras actuacións, investiranse uns 120 000 euros.

Entre as obras inclúese a avenida Juan García Naveira, situada no núcleo urbano de Betanzos, na zona do Pasatempo. Unha vía de 505 m de lonxitude que comunica a Avda. Fraga Iribarne coa Avda. do Carregal, sendo unha vía de comunicación importante dentro da trama urbana e con bastante circulación xa que na Avda. Fraga Iribarne se sitúan varias superficies comerciais e na Avda. do Carregal a maioría das instalacións deportivas, así como o emblemático parque enciclopédico do Pasatempo.

Ademais desta actuación melloraranse outros dous viarios, nos que se executará a pavimentación; a sinalización horizontal e limpeza das beiravías nas vías situadas na zona rural.

Tamén se prevé a mellora do Camiño Braxe-Betanzos O Vello, en San Martiño de Tiobre, un camiño moi transitado xa que discorre desde a DP-0906 á N-651, facilitando o acceso a outros núcleos situados na zona. Esta vía ten unha lonxitude total de 1681 m,  e o firme de asfalto está deteriorado en moitas zonas.

Por último, executarase o acceso á igrexa de Requián, un viario que permite o acceso á igrexa parroquial, comunicando os núcleos de Xanrozo e Requián. Trátase dun camiño moi transitado posto que é un dos principais accesos á igrexa parroquial, e comprende a parroquia a un gran número de núcleos rurais: Infesta, Xanrozo, A Graña, Montellos, Viúxe, O Farragoto, O Tarreo, As Casas Novas, Roibeira, Acea e parte de Guiliade.

Os traballos céntranse no acondicionamento e mellora deste tres vías públicas municipais que contan cunha gran circulación, e forman parte das principais vías de comunicación a nivel do núcleo urbano, no caso da Avda. Juan García Naveira, e a nivel da infraestrutura viaria rural nos outros dous casos, todo iso co fin de evitar que a súa deterioración vaia en aumento e mantelos nunhas condicións adecuadas para o seu uso.