O Concello estudará en 2019 se municipaliza ou mantén externalizado o Servizo de auga e saneamento

1102
Ramón García Vázquez e o concelleiro de infraestruturas Antonio Vázquez durante unha visita as instalacións da pranta de captación de auga

Betanzos encargará unha auditoría técnica para coñecer de forma exhaustiva a infraestrutura e o equipamento da rede de abastecemento de auga e saneamento. Así o explicou onte o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vázquez Lorenzo, quen indicou que, cos resultados “sobre a mesa”, será a próxima corporación local, a que saia das eleccións municipais de 2019, a que elixirá o “camiño a seguir, se se mantén unha concesión e, polo tanto, o servizo externalizado ou se, pola contra, se municipaliza”.

Antonio Vázquez indicou que a concesión do servizo finaliza en 2020 e que, polo tanto, “o Concello terá que contar con todos os datos técnicos da actual situación e infraestruturas tanto da rede de abastecemento como de saneamento para tomar a decisión oportuna”.

O edil explicou que a Xunta xa conta co proxecto técnico para a mellora da planta de tratamento, que sairá proximamente a licitación, en que se investirá máis dun millón de euros. Esta actuación permitirá mellorar a fase de tratamento de auga e triplicará a capacidade de depuración para evitar, así, os episodios de turbidez que en determinadas épocas do ano afecta a subministración.

O goberno local amosou a súa satisfacción por esta fase inicial, aínda que considera que é necesario proxectar máis actuacións de cara ao futuro, tal e como estaban contempladas no estudo elaborado hai uns anos para mellorar todo o “sistema de tratamento”, que supuña máis de tres millóns de euros.

Neste sentido, o Concello insistirá ante a Xunta para que o investimento non quede “nesta primeira fase”, senón que se programen máis actuacións para o futuro.

As obras previstas nesta fase consistirán na mellora do sistema de abastecemento coa finalidade de incrementar a capacidade de regulación para optimizar tamén os procesos de potabilización. O obxectivo é garantir un mellor sistema e que a cidadanía betanceira “poida ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.

Os traballos, que poderán iniciarse a principios de 2019, incluirán unha serie de obras na planta de tratamento, con melloras no tratamento físico-químico; na capacidade de depuración e outra serie de “actuacións a nivel técnico” que permitirán, entre outras cousas, eliminar os problemas de turbidez da auga que se producen en determinadas épocas do ano. Quedaría para unha seguinte fase de obras a mellora dos bombeos.

A orixe desta turbidez está na situación do río e os lodos que arrastra despois de que se produzan choivas intensas. Os índices que marcan a turbidez da auga do río (os denominados NTU, unidades nefelométricas de turbidez) sitúanse habitualmente entre as 10 e as 20 unidades. Ao coincidiren con fortes choivas, estes niveis pódense situar, como sucedeu o pasado ano, entre as 80 e as 120 unidades, o que complica de maneira extraordinaria o proceso de tratamento na planta e, de aí, a necesidade de que teña que realizar un proxecto das características do exposto polo Concello á Xunta.