O Concello expuxo a consulta pública durante 15 días o borrador do prego de condicións do servizo de axuda no fogar antes de ser licitado

991
O SAF é un servizo especialmente complexo e delicado dirixido a necesidades básicas de persoas dependentes

O Concello publicou na sua web un borrador do prego de condicións técnicas particulares para a adxudicación do servizo público de axuda no fogar. Trátase dun borrador, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, que estivo exposto durante 15 días para que as persoas interesadas poideran presentar suxestións. Ademais, tal e como se comprometera, o goberno local entregou unha copia aos grupos municipais para que tamén presentasen as súas propostas.

Agora, o Concello ten previsto sacar a licitación o servizo. O actual contrato remata en setembro. A través da nova licitación, o Concello pretende que o servizo ofreza un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

Son obxectivos do SAF:

  • Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

  • Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.

  • Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.

  • Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.Previr situacións de dependencia ou exclusión social. -Retardar ou evitar a institucionalización.

  • Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

O SAF poderá prestarse a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención.

De xeito particular, o servizo atenderá a persoas maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

No servizo de axuda no fogar, de conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso, poderán prestarse os seguintes tipos de actuacións de carácter básico:

a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio.

b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias e da súa familia. Se é o caso, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría e alimentación a domicilio, poderán ser facilitadas por servizos específicos.

c) Acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria, tales como apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou similares, así como o seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.

d) Ademais, para os supostos expresados no punto anterior, as atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, á mellora da convivencia, integración na comunidade e mellora da estrutura familiar.

A empresa adxudicataria deberá dispoñer en todo momento de persoal suficiente e coa titulación e formación axeitada para a correcta prestación do servizo, axustándose ao disposto na normativa vixente en materia laboral e de regulamentación desta prestación.

Deberá acreditar documentalmente a formación de todo o persoal contratado. O servizo estará coordinado por persoal técnico cunha cualificación mínima de diplomatura universitaria na área de Servizos Sociais. O prego tamén inclúe os horarios de atención e intensidade do servizo. O horario de prestación do servizo será de 08:00 h a 22:00 h de luns a domingo, todos os días do ano agás os días 1 de xaneiro e o 25 de decembro. A duración da prestación nunca será inferior a 30 minutos diarios continuados por persoa usuaria nin superior a 4 horas, e poderá prestarse nun máximo de tres franxas horarias.