O Concello garante o programa de actividades extraescolares o próximo curso escolar no Vales Villamarín

1030

O colexio Vales Villamarín terá actividades extraescolares para o próximo curso escolar.

O concelleiro de Educación, Andrés Hermida, participou no Consello Escolar Municipal no que trasladou a que o Concello seguirá achegando os 11 000 euros cos que colaboraba no desenvolvemento das actividades. O programa xestionarao unha nova asociación deportiva cultural creada por un grupo de pais e nais do alumnado cos que desde a Concellaría de Educación se mantiveron reunións nas últimas semanas.

A través desta asociación ofertaranlle ao alumnado as mesmas actividades extraescolares que se organizaban engadindo algunhas novas como, por exemplo, un obradoiro de linguaxe de signos que propuxera a comunidade educativa. Andrés Hermida explicou que, como xa lle trasladara antes de que acabase o curso á comunidade educativa, o Concello garantía que o próximo ano escolar “habería actividades e que se estaba traballando en varias alternativas para organizalas. O que tiñamos claro é que os alumnos e alumnas do Vales Villamarín non ían a quedar sen actividades extraescolares”.

Andrés Hermida lembrou que os informes xurídicos facían inviable que o Concello directamente asumise a xestión deste programa. O secretario municipal advertía no seu informe que “de acordo coa normativa actual vixente o novo servizo de xestión e organización de actividades extraescolares do Vales Villamarín non tería encaixe legal nas competencias e servizos municipais, polo que se denegaba a solicitude formulada no seu momento pola asociación de nais e pais do centro.

Ademais das actividades extraescolares, o concelleiro explicou que desde o Concello farase fincapé ante a Xunta en que se cubran diversas necesidades do colexio en materia de equipamentos e melloras das instalacións “continuando os traballos executados. Por outra banda, o Concello insistirá ante Educación para que dentro dos seus plans de investimentos educativos inclúa o colexio Vales Villamarín despois de que a Xunta anunciase obras para este verán en máis de 20 centros educativos entre os que non figuraba ningún de Betanzos”.

O edil explicou que durante o pasado curso escolar a Consellería de Educación, cumprindo o compromiso adquirido en anos pasados, realizou unha reforma integral dun dos dous bloques do CEIP Francisco Vales Villamarín, reforma consistente na adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación.

Con todo, o segundo bloque do centro segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Este segundo edificio, está nun estado moi similar ao que se atopaba o primeiro bloque e necesita melloras no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia, a iluminación e o pintado interior.

Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar. Por iso, a comunidade escolar propuxo cubrir unha das partes destinadas a aparcadoiro, anexas ao actual comedor.