O Concello inclúe o Pasatempo, cubertas para xogos infantís e o ascensor do aparcadoiro, nas obras a executar co remanente

208
Parque do Pasatempo

O Concello presentará unha  proposta de investimentos con cargo ao remanente de Tesouraría de 1 130 787 euros. Desta cantidade, 200.000 irán destinadas ao parque do Pasatempo, segundo explicou a alcaldesa, María Barral. Trátase de 149 749,60 euros que se destinan para cubrir a achega do Concello ao convenio previsto coa Deputación Provincial para a execución das obras de recuperación da zona histórica, convenio para o que o organismo provincial achegará 600 000 euros.

Os outros 50 000 euros reservaranse para a recuperación do estanque do Retiro, situado no primeiro nivel parque, cuxa actuación se fai necesaria con independencia aos traballos que posteriormente se inclúan no proxecto que leve a cabo entre Deputación e Concello a través do convenio.

Outra das actuacións previstas polo goberno local será a instalación de cubertas en xogos infantís para o que se destinarán 200 000 euros. Serán as primeiras instalacións deste tipo que conten con superficie cuberta.

María Barral explicou que os investimentos previstos no remanente responden a acordos plenarios ou peticións realizadas pola veciñanza, algunhas delas recollidas tamén no programa de orzamentos participativos impulsado polo Concello.

A primeira edil avanzou que no programa tamén se incluirá un proxecto de mellora de sinalización na zona rural ademais da instalación de rede de saneamento en varios lugares. Entre eles, destacan as obras en Montellos e na avenida Fraga Iribarne cunha partida de 120.000 euros.

Entre os equipamentos previstos o goberno local tamén se atopan os deportivos, dentro do programa de mellora e renovación que está a levar a cabo a concellaría de Deportes. Neste caso, prevese substitución do campo de herba artificial do Carregal, cunha achega de 150.000 euros.

O programa de eliminación de barreiras arquitectónicas coa instalación dun ascensor na praza dos Irmáns García Naveira para facilitar o acceso ao aparcadoiro subterráneo, no que tamén se crearán novas zonas para persoas con discapacidades, será outra das obras con cargo ao remanente. Investiranse 150.000 euros.

Por último, renovaranse semáforos, cuxos equipos están deteriorados polo paso do tempo, por unha contía de algo máis de 51.000 euros e instalarase unha caldeira para o sistema de calefacción do Cine Alfonsetti.