O Concello inicia as obras de construción do patio cuberto do colexio de Infantil do Vales Villamarín

922
A alcaldesa, María Barral, acompañada polo concelleiro de Educación, Andrés Hermida; e o de Obras Públicas, Diego Fernández, cos responsables da empresa adxudicataria e dirección de Obra

O Concello comezou hoxe as obras do patio cuberto do colexio Vales Villamarína. A alcaldesa, María Barral, acompañada polo concelleiro de Educación, Andrés Hermida; e o de Obras Públicas, Diego Fernández, reuniuse con técnicos municpales e responsables da empresa adxudicataria e dirección de Obra de cara a concretar aspectos de planificación dos traballos co fin de que “estean terminados antes do inicio do próximo curso escolar”. Hoxe realizouse o planeamento das obras. Mañá comezarán as escavacións e a partir de aí executarase toda a obra.

Para facer fronte a esta, o Concello reservou 170 000 euros con cargo ao programa de investimentos financiado co remanente de tesouraría de 2017. Trátase dun proxecto demandado pola Comunidade Escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre o Concello, a Consellería de Educación, e a propia comunidade educativa (ANPA e a dirección do colexio).

Tendo en conta as súas características e o emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que “se programaron unha vez finalizado o curso escolar xa que non había tempo material para abordalos noutro momento debido á duración das obras”.

O proxecto, que conta cun orzamento de 160 729 euros, recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para o alumnado ata alcanzar os 370 metros cadrados, nun adecuado, estudado co persoal técnico da Consellería, para minimizar o impacto no centro e posibilitar posibles ampliacións futuras. Realizarase tamén unha zona de xogos infantís con pavimento de caucho na que se colocarán, entre outros, balancíns e casiñas.

Colexio

Por outra banda, o Concello insistirá ante Educación para que dentro dos seus plans de investimentos educativos inclúa aos colexios Vales Villamarín e Francisco Aguiar despois de que a Xunta anunciase obras para este verán en máis de 20 centros educativos entre os que non figuraba ningún de Betanzos.

No pasado curso escolar a Consellería de Educación, cumprindo o compromiso adquirido en anos pasados, realizou unha reforma integral dun dos dous bloques do CEIP Francisco Vales Villamarín, reforma consistente na adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación.

Con todo, o segundo bloque do Centro segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Este segundo edificio, está nun estado moi similar ao que se atopaba o primeiro bloque e necesita melloras no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia, a iluminación e o pintado interior.

Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar. Por iso, a comunidade escolar propuxo cubrir unha das partes destinadas a aparcadoiro, anexas ao actual comedor.

Canto ao Francisco Aguiar, é necesaria unha reforma integral do catro edificios que compoñen o centro. O Concello, no seu momento, solicitou unha actuación de remodelación integral por fases dado o deterioro que sofre un centro “onde desde hai anos a Xunta non levou a cabo ningunha actuación significativa”.