O Concello investirá 200.000 euros para cubrir a zona de xogos infantís do parque do Pasatempo

1036
Duas visións do parque infantil proxectado

O Concello cubrirá o seu primeiro parque infantil. Será o do Pasatempo para o que o Concello destina 200 000 euros. O obxectivo é que “os traballos se executen canto antes para contar cunha zona cuberta que poida utilizarse ao longo do ano con independencia da meteoroloxía que haxa”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, quen confirmou que para esta actuación existe unha partida duns 200.000 euros dentro do programa de investimentos previsto cos remanentes.

Anteproxecto que elaborou o concello para a zona

O proxecto recolle a instalación de catro cubertas para diferentes zonas de xogo existentes no parque, executadas con elementos de cubrición téxtiles en diferentes cores e estrutura de soporte conformada por perfís e cables de aceiro galvanizado. Doutra banda deséñase tamén a disposición dunha iluminación interior e perimetral de cada unha das zonas de xogo cubertas, permitindo deste xeito o aumento do tempo de goce das instalacións do parque infantil.

A primeira edil indicou que se trata dunha actuación que, como outras das incluídas con cargo ao remanente de tesouraría, “responden a acordos plenarios ou peticións realizadas pola veciñanza, algunhas delas recollidas tamén no programa de orzamentos participativos impulsado polo Concello”.