O Concello lamenta que Portos “reaccione” á súa petición de entrevista sobre o edificio do Club de Piragüismo catro meses despois de pedir a súa cesión e o mesmo día que solicita unha reunión para tratar o tema.

845

O Concello amosou a súa “sorpresa” porque Portos de Galicia contestase á petición de reunión para tratar a situación do edificio que ocupa o Club Náutico Ría de Betanzos “o mesmo día, media hora despois de recibir o organismo o escrito oficial de solicitude de entrevista, para reclamarlle ao Concello documentación”.

Para o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, a “casualidade” deste escrito de Portos faise máis evidente cando “Portos lle pide ao Concello unha documentación a unha petición de cesión do edificio que se produciu hai catro meses, en abril deste ano”. Por tanto, tempo “tiveron máis que suficiente para poder trasladar esa petición de documentación ao Concello sen esperar a facelo xusto o mesmo día que o goberno local solicitaba unha reunión coa nova presidenta do ente”.

O concelleiro indicou que axilizará os trámites para desbloquear a situación ante Portos tendo en conta “que xa se perderon outros catro meses polo atraso na contestación de Portos de Galicia, resposta que sen a solicitude de entrevista coa súa presidenta, a día de hoxe, dubido moito que aínda recibísemos”. Neste sentido, indicou que porá ao tanto de todas estas xestións ao club que é o “máis prexudicado deste novo atraso por parte de Portos”.

No escrito enviado polo Concello, o edil trasladaba a necesidade de retomar a situación do edificio que ocupa o Club Náutico Ría de Betanzos coa nova presidenta do organismo, Susana Leguas Gil, despois de que o pasado día 5 de febreiro o goberno local mantivese unha reunión co anterior presidente “na que lle propuxemos a cesión de titularidade do edificio que ocupa ou Club Náutico a favor do Concello”.

Na reunión deseñouse unha folla de ruta que tiña como finalidade fixar “os pasos necesarios para que Portos de Galicia se cedese a titularidade das instalacións ao Concello e así evitar que esta entidade teña que afrontar un gasto anual duns 12 000 euros”.

Como paso imprescindible, segundo se acordou na mesma reunión mantida en Santiago, o Club Náutico Ría de Betanzos “tiña aprobar en asemblea o cambio de titularidade. Esta reunión de socios tivo lugar o pasado día 22 de febreiro, e aprobouse o devandito cambio”.

Era por esa razón polo que o goberno local solicitaba de novo, o día 7 de agosto, que Portos de Galicia convocase unha reunión e ao mesmo tempo se iniciasen os trámites oportunos para ceder a titularidade do edificio a favor do Concello “e así poder asumir, canto antes, o gasto que na actualidade ten que afrontar o Club Náutico Ría de Betanzos, un Club que, como sabe, é unha das entidades deportivas máis importantes do noso municipio”.