O Concello lembra a Rosalía de Castro con diversas propostas

1428
Cartel homenaxe a Rosalía

Betanzos, 20 de febreiro de 2018. O Concello organiza esta semana o groso da programación do Día de Rosalía de Castro, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. Entre as propostas desta semana destacan as actividades pedagóxicas que terán lugar os días 22 e 23 de febreiro no CEIP Francisco Vales Villamarín a través da compañía Xandobela que levará a xincana literaria “Rosalía na voz da xente” a preto de douscentos nenos e nenas que participarán nesta actividade que lembra a figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva lúdica, didáctica e pedagóxica.

Así mesmo, o xoves 22 de febreiro, está prevista a presentación do libro Airiños aires Rosalía de Xurxo Lobato. Esta presentación irá acompañada dunha proxección audiovisual do libro que realizará o propio autor e que terá lugar ás 20:30 h no Salón Azul do edificio Liceo. Por outro lado, cómpre lembrar que ao longo de todo o mes se poderá visitar unha exposición bibliográfica sobre a escritora na Biblioteca Municipal Castelao, así como visualizar nos balcóns dos edificios municipais a exposición “Versos rosalianos na rúa”, que se vén realizando de xeito consecutivo por cuarto ano.

O venres 23 de febreiro ás 19:00 h na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns terá lugar a gala de homenaxe a Rosalía de Castro que o Concello de Betanzos organiza en colaboración coa Asociación Cultural Eira Vella. Nesta homenaxe participará o alumnado de 2.º, 3.º, 4.º e 6.º de Educación Primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín, así como o alumnado de 2.º e 3.º de ESO do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” e de 1.º e 3.º de ESO do IES As Mariñas. A gala será conducida, así mesmo, por dous alumnos do IES As Mariñas, Paula Mosquera e Sergio García.

Entre os colectivos participantes estarán, como en anos anteriores, o Coro de Coirós e a Asociación Cultural A Fuliada, aos que tamén se unen este ano a Asociación Lar de Unta e o colectivo Voces poéticas do Mandeo. Participarán, así mesmo, distintos persoeiros e escritores como Xabier López, Pepe Dopico, Manuel Dans, Dorrie Ann Lampa, Yuki Sato e Dores Cao. O peche da velada correrá por conta de Adhara&Ritman que interpretarán temas como “Cantarte Hey Galicia”, “De ferro e de amores”, “Libre son”, “A cuncheira de Sofán” e “Eterna primavera”.