O Concello comezou hoxe os traballos de limpeza do león do Pasatempo dentro das actuacións que está a realizar no parque. O proxecto conta coa autorización de Patrimonio e foi elaborado por un técnico superior de artes aplicadas á escultura. A proposta para a limpeza química de pintadas, é con técnicas nas que se utilizan axentes químicos, xeralmente aplicados en disolucións que atacan a mancha e a disgregan.

O persoal técnico irá probando en varias zonas unha serie de disolventes de menor a maior polaridade e de menor a maior toxicidade. En función dos resultados, aplicarase á escultura do león. O proxecto explica que, en previsión de que a superficie rugosa do león impida a eliminación total das pintadas, proponse tamén unha reintegración cromática para así devolver unha uniformidade de cor e evitar que se distinga a zona que se limpe polas pintadas do resto da escultura, é dicir, que todo quede uniforme.

Ademais do técnico especialista en escultura, os traballos desenvolveranse coa supervisión dun/a restaurador/a da escola superior de conservación e de bens culturais.

Por outra banda, o Concello está á espera de recibir a autorización de Patrimonio para poder contratar as obras de recuperación do estanque, un permiso que, agarda que chegue durante o mes de novembro. Trátase dun proxecto, elaborado por un equipo multidisciplinar de arquitectos e restauradores, que inclúen un investimento superior aos 400 000 euros e realizaranse con cargo ao acordo ao que chegou no seu día o Concello e a Deputación mediante o cal ambas as administracións habilitaron partidas que suman 750 000 euros para a execución de obras no parque.

O goberno local espera que a Xunta, á marxe da boa disposición de Patrimonio para traballar conxuntamente co Concello no proxecto, “habilite tamén os fondos económicos necesarios para achegar ao proxecto na mesma medida, como mínimo, do compromiso da Deputación da Coruña”.