O Concello logra unha subvención de máis de 800 000 euros da UE para cambiar a “led” todo o centro histórico e as parroquias de Requián e Piadela

1162
Praza de Fernán Pérez Andrade "O Bo" situada no casco histórico de Betanzos

Betanzos investirá máis dun millón de euros en mellora do sistema de iluminación pública despois de que o seu proxecto fose aprobado pola Unión Europea dentro do programa operativo Feder de crecemento sustentable 2014-2020 con subvencións directas a proxectos singulares de entidades locais. Este millón de euros, do que a Unión Europea achegará o 80%, é dicir, uns 830 000 euros, súmase aos case 600 000 euros que tamén se aprobaron nunha anterior fase do programa por parte da Unión Europea e cuxos traballos sairán a licitación proximamente.

Trátase dun proxecto que recolle actuacións de renovación das instalacións de iluminación pública, iluminación pública e sinalización pública exterior para mellorar a súa eficiencia enerxética e a consecuente redución das emisións de dióxido de carbono.

Nesta nova fase substituiranse a totalidade das luminarias do centro histórico, das parroquias de Piadela e Requián, así como parques e outras rúas da zona urbana. A actuación principal consiste na substitución de 1033 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía led. Isto tradúcese nunha redución anual do consumo de enerxía de 326,229.79 kWh, que supón o 59% do consumo actual dese conxunto de luminarias. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

Inclúense tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT) e para garantir o bo funcionamento das luminarias led. Por iso, será preciso reformar centros de mando e substituír outros. Mediante a actuación substituiranse 1033 luminarias convencionais por luminarias con tecnoloxía led de potencia moi inferior mais que achegarán un fluxo luminoso similar. Construiranse canalizacións subterráneas e arquetas en tramos onde se considera necesario; novos circuítos eléctricos aéreos, tensado sobre postes, ou subterráneos.

O novo proxecto, segundo explicoua alcaldesa, María Barral, únese ao outro aprobado Unión Europea para o Concello e que se contratará proximamente, no que se recollen traballos en rúas do núcleo urbano; principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, As Angustias, e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada. A actuación consiste na substitución de 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led, que se traduce nunha redución anual do consumo de energia do 76% do consumo actual dese conxunto de luminarias.

O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao regulamento electrotécnico para baixa tensión e para garantir o bo funcionamento das luminarias led. Neste sentido, prevense catro actuacións dentro do proxecto. A substitución das luminarias por tecnoloxía led, a substitución de centros de mando e unha reforma da instalación eléctrica que afecta o cableado e as tomas de terra.

Estes dous proxectos subvencionados pola unión Europea súmanse a outras actuacións en materia de aforro enerxético levadas a cabo polo goberno local. As últimas, a mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización, dentro dun proxecto que inclúe a substitución doutras 281 luminarias en varias zonas da cidade con tecnoloxía led. En total investíronse algo máis de 190 000 euros incluídos nun dos plans da Deputación provincial no que ademais das luminarias, se substituíron os soportes, tanto columnas como brazos, que estaban en malas condicións; os centros de mandos en varias rúas así como novas columnas.