O Concello ordena aos propietarios da Fábrica da Luz a execución das obras de retirada de elementos e apontoamento do edificio

1375
O edificio está situado na avenida da Coruña

Betanzos, 7 de febreiro de 2018. O Concello acaba de notificarlle á empresa Xeral de Edificios e Solares (GESS), propietaria do edificio coñecido como Fábrica da Luz, situado na avenida da Coruña, unha orde de execución para que execute diversas actuacións de seguridade e protección no prazo de dous meses. A notificación realízase despois de que o Concello recibise autorización da Dirección Xeral de Patrimonio  Cultural unha vez incoado en xuño de 2017 o expediente de inclusión do edificio no catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

 

Para o novo requirimento (o 24 de febreiro de 2017 realizouse o anterior), realizouse unha visita de inspección ás inmediacións do edifico co fin de comprobar o seu estado despois do tempo transcorrido desde a incoación do expediente. O informe constata que non se executaron a totalidade das actuacións indicadas para realizar a orde de execución de febreiro de 2017.

 

Así, insístese na necesidade de retirar elementos que se atopan soltos e disgregados, entre os que se atopan canalóns de recollida de augas,  ademais de apontoar e reforzar diversas zonas sólidas do edificio, entre elas, o interior  da estrutura principal e secundaria co fin de evitar derrubemtos parciais como se produciron anteriormente e garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación.

 

Estes apontoamentos deben ser executados por unha empresa especializada na materia e baixo a dirección e supervisión dun técnico responsable competente. Tamén terá que delimitar e valar sobre a vía pública mentres non se adopten estas medidas.

 

Todas estas actuacións deberán axustarse ás determinacións recollidas na autorización outorgada pola Dirección Xeral de Patrimonio na que explicitamente se dá o visto e prace ás obras relacionadas no Decreto da alcaldía lembrando que se “tomarán as medidas necesarias para garantir e manter as características e elementos singulares do edificio”.

 

Advírteselle á empresa que en caso de incumprimento das actuacións ordenadas o Concello levará a cabo os procedementos recollidos na Lei de Solo de Galicia, de execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas de 1000 a 10 000 euros reiterables ata lograr a execución das obras ordenadas, ou mediante a execución subsidiaria das actuacións.