O Concello paraliza as obras na Porta do Cristo tras detectarse unha antiga condución de auga

1538
Obras de mellora da rúa da Cerca no tramo da porta do Cristo

O Concello continúa as obras de mellora da rúa da Cerca aínda que tivo que paralizar os traballos no tramo da porta do Cristo despois de que se detectase unha antiga condución de auga. Patrimonio está nestes momentos valorando os restos que acaban de aparecer durante as obras e, con base a ese informe, renovaranse os traballos nesta zona axustándoos ao que se indique no informe.

Os responsables municipais indicaron que, en xeral, o proxecto de mellora da rúa da Cerca é un “proxecto complexo pola rúa da zona da que se trata, e as características desta: calzada estreita, onde se renovarán todos os servizos, de gas, auga, saneamento e iso dificultará os traballos e, nalgúns tramos, os atrasará. No entanto, desde o Concello destacan a necesidade de actuar na zona, dentro do programa de renovación de rúas, para adecuala á importancia histórica que ten, repondo todo o pavimento por un similar ao que se instalou na zona dos Soportais ou Fonte de Unta durante as últimas semanas.

A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico. O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do executado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6cm de espesor en Travesía Lanzós coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantados en Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Os traballos coordinaranse coas obras de recuperación das vivendas adquiridas pola Xunta para programar as actuacións. Debido a estas obras, a rúa permanecerá cortada parcialmente en función do desenvolvemento do proxecto. Entre as zonas afectadas neste inicio de traballos atópase a porta do Cristo, que permanecerá cortada ao paso de peóns durante días.

Unha vez concluídos os traballos na rúa da Cerca, que se desenvolverán por tramos, executaranse os da travesía de Lanzós.

Os traballos, que se executan a través dun plan provincial, forman parte dun programa de mellora de rúas do centro histórico e únense aos de Ferradores e Fonte de Unta, que en conxunto alcanzan os 450 000 euros de investimento.