O Concello presentará alegacións ao ámbito de protección proposto no expediente de declaración BIC do Pasatempo

124

O Concello presentará alegacións ao ámbito proposto pola dirección xeral de Patrimonio Cultural no BIC do Pasatempo, cuxo prazo finaliza hoxe día 19. A delimitación feita na Resolución de incoación do expediente inclúe, ademais da delimitación do Ben do parque, unha contorna de protección deste propio ben. Esta contorna de protección está constituída polos terreos próximos cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores do ben e do seu contexto.

A delimitación feita de protección segundo a Resolución establécese na ribeira do río Mendo polo leste; polo norte as parcelas que dan fronte á avenida do Carregal; polo noroeste o camiño público que comunica O Carregal con Abelares; polo leste o Camiño Real de Infesta; polo suroeste o regacho do Escorial; e polo sur e sueste as parcelas de chan urbano cualificadas polo plan como uso empresarial.

Para o persoal técnico municipal a proposta excede a delimitación óptima conforme ao establecido na Lei de patrimonio cultural de Galicia, ao considerar que hai dous ámbitos que deberían quedar excluídos da delimitación, os situados nos extremos da proposta da Xunta: o primeiro situado no norte da avenida do Carregal (instalacións de Medio Rural e campo de fútbol municipal), un chan urbano destinado a equipamentos educativos e deportivos. O segundo, un ámbito situado ao sur da avenida Fraga Iribarne (parte da estrada onde se asenta Mercadona) cualificado de chan urbano de comercio, almacenaxe, talleres e industrial.

A motivación para a exclusión destes dous ámbitos baséase no establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia en canto a que estas zonas teñen unha desvinculación visual do Ben. As alteracións que se produzan nestes dous ámbitos non afectan o Ben, xa que non existe unha conexión visual nin espacial con este posto que por diante destas zonas existen outras construcións, é dicir, estas zonas atópanse “apantalladas” por edificacións existentes. Ademais, a zona de Fraga Iribarne atópase separada por unha franxa de 100 metros de chan rústico con relación ao Pasatempo.

O persoal técnico municipal indica tamén que os ámbitos que se pretenden excluír tampouco están afectados pola área de intervención arqueolóxica que se indica no expediente.