O Concello pretende mellorar a circulación na avenida Fraga Iribarne cunha terceira rotonda á altura de Juan García Naveira e os Soportais da Cañota, dentro do Plan Único 2020 da Deputación

759
Cruce da avenida Fraga Iribarne coa avenida Juan García Naveira

O goberno local pretende mellorar a circulación na avenida Fraga Iribarne cunha nova rotonda que dea fluidez ao tráfico na súa intercesión coa Juan García Naveira.

Trátase dunha zona comercial, que conecta a avenida Fraga Iribarne coa zona do Pasatempo/Carregal, cunha importante densidade de tráfico na que é preciso mellorar a fluidez, segundo adiantou a alcaldesa, María Barral.

A idea é construír neste cruzamento unha nova rotonda que evite as retencións que agora se producen nese punto da avenida, do mesmo xeito que se fixo no cruzamento das Cascas ou na avenida do Carregal coa a propia avenida Fraga Iribarne.

O goberno local xa encargou o proxecto técnico que se incorporará ao Plan Único 2020 da Deputación Provincial. A primeira edil explicou que esta seria a terceira rotonda da avenida na que o Concello tamén pretende construír unha cuarta, na súa intersección coa avenida da Coruña no coñecido como cruzamento da Magdalena, unha actuación que neste caso pretende que execute o Ministerio de Fomento con cuxos responsables xa se mantiveron diversas reunións de traballo.

A obra da nova rotonda da avenida Fraga Iribarne con Juan García Naveira formará parte das obras que Betanzos incluirá no Plan Único da Deputación para o próximo ano e que deberá estar aprobado en Pleno antes do 19 de decembro. A alcaldesa, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, mantivo unha reunión con portavoves de PP e BNG para explicarlles a súa intención de incorporar esta obra ao plan provincial ademais da mellora dos soportais da Cañota.

Neste caso, trátase dun proxecto que incluirá unha nova pavimentación con granito; a eliminación dos actuais desniveis; unha nova rede de saneamento e abastecemento de auga, ademais da iluminación e a eliminación das conducións de cableado aéreo.

As obras suporán unha importante mellora da zona, encadrada dentro do centro histórico, seguindo a liña de actuación executada noutras rúas como A Cerca ou Fonte de Unta.

A alcaldesa anunciou tamén a intención de incorporar ao Plan Único a mellora da Porta Medieval da rúa da Cerca, o coñecido como arco da Ponte Vella, na que tamén se eliminará o cableado e acondicionará o pavimento.

María Barral convidou os grupos da Corporación Local a presentar propostas ao Plan Único e buscar así un consenso á hora de levar a cabo “proxectos que melloren a cidade e o Concello, e , ao mesmo tempo, contribúan a incrementar equipamentos ou servizos municipais”.

O goberno local tamén ten previsto propor novas actuacións na zona rural.