O Concello programa a segunda edición do obradoiro “A casa encantada de Alí” para decembro

1023

Logo do éxito da primeira edición dos obradoiros “A casa encantada de Alí” e “Un bico para Alí” para nenos e nenas de 0 a 6 anos, o Concello de Betanzos programa unha segunda edición do obradoiro “A casa encantada de Alí” para o vindeiro sábado 1 de decembro ás 12:00 h no Salón Azul do edificio Liceo. Este obradoiro de recursos en galego para as familias corre por conta de Fabaloba Cooperativa Galega e o músico Luis Prego.

O Concello programa esta segunda edición para os nenos e as nenas que estaban en listaxe de agarda do obradoiro que tivo lugar o pasado mes de outubro e oferta as prazas restantes ata o máximo de 20 para novas inscricións. O prazo para a inscrición no obradoiro “A casa encantada de Alí estará aberto entre o 19 (desde as 10:00 h da mañá) e o 29 de novembro en www.betanzos.gal.

Ao igual que en anteriores edicións, as prazas libres cubriranse por orde de inscrición e preferencia dos nenos e as nenas empadroadas. Cada neno e nena participante poderá asistir acompañado dun máximo de dúas persoas adultas. A confirmación da praza realizarase uns días antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].

“A casa encantada de Alí”

Este obradoiro cóntanos a historia de Alicia, que chega unha noitiña á súa nova casa, un fogar moi particular que a esperta con cancións e onde cada paso adiante lle permite descubrir cofres misteriosos cheos de xogos e ilusións.

Luís Prego e Fabaloba únense nesta historia contada e mais cantada e pintada a través de xanelas dun fantástico Kamishibai. No remate as persoas adultas poden asistir a unha breve presentación do portal Alí de recursos en galego para a educación infantol (aliali.gal) e, canda as nenas e nenos, manipular o material presentado.