O Concello programa varias actividades para concienciar sobre a igualdade de xénero e previr a violencia machista nos centros educativos

1086

Unha das prioridades do III Plan de Igualdade do Concello de Betanzos é incidir na sensibilización e na coeducación no ámbito educativo, necesidade que tamén destacou o profesorado e nais e pais durante o proceso de participación que se abriu para recoller propostas para a elaboración do Plan. Froito desta demanda xorde esta programación de actividades de igualdade e prevención de violencia de xénero que tratan de abarcar todas as idades, cunha especial incidencia este ano entre a poboación adolescente.

Precisamente á etapa de secundaria, bacharelato ou ciclos vai dirixida a actividade “A banda deseñada: unha ollada en feminino” que parte da área de xuventude. A iniciativa contará con charlas de dúas autoras de banda deseñada Julia Soler e Zaida Novoa e paralelamente mostrarase o seu traballo en sendas exposicións. O obxectivo da actividade é contribuír a que o alumnado non se guíe por prexuízos de xénero á hora de escoller a súa futura profesión e á vez dar a coñecer o traballo de mulleres autoras.

Tamén para ese rango de idade, e esta vez desde Turismo, ofértase a actividade “Betanzos en feminino” un roteiro polo municipio que pon en valor o papel da muller betanceira ao longo da historia. Desde a Deputación ofértase o taller “Escoita o meu son” que consiste na análise de diversas cancións e estilos musicais, así como o visionado dos clips de moda entre as e os adolescentes desde unha perspectiva de xénero.

Para primaria ofértase en colaboración con normalización lingüística “Contacontos pola igualdade”, actividade destinada a desterrar os estereotipos de xénero mediante os contos e promover o emprego oral da lingua galega e potenciar ou seu uso entre as nenas a través de actividades baseadas en contidos de igualdade e dinamización lingüística.

Para infantil, e de novo desde a Deputación, contaremos tamén cun “Contacontos e obradoiro de manualidades” co fin de que a narración sexa o vehículo ideal para aproximar aos mais pequenos/as, aspectos e valores como a convivencia, a tolerancia, ou a igualdade de xénero.

Para todas as idades convidarase aos centros educativos a participar na campaña “Betanzos en Negro” en contra das violencias machistas. O ano pasado os centros envorcáronse e levaron a cabo innumerables actividades como murais, concursos ou concentracións.

Doutra banda tamén se convida aos centros a unha exposición conxunta dos traballos que realiza o alumnado con motivo do Día internacional da muller ou de rexeitamento contra a violencia de xénero. A programación complétase con suxestións de temas para tratar en clase, algunhas froito das achegas da cidadanía durante o proceso de participación do plan de igualdade.