O Concello propón o peche de dous establecementos hostaleiros por incumprimentos reiterados de horarios, ruídos e ocupación de vía pública sen autorización

109

O goberno local abriu expediente a dous locais de hostalaría por unha serie de incumprimentos relacionados co horario, a ocupación de vía pública con exceso de mesas, ruídos e televisión en terraza incumprindo as ordenanzas municipais vixentes. Os expedientes abríronse por mor de denuncias veciñais.

En ambos os casos, os incumprimentos producíronse de forma reincidente, a pesar das notificacións previas e advertencias realizadas polo Concello. En ambos os casos houbo unha desobediencia aos requirimentos realizados por Decreto da Alcaldía. Debido a estes incumprimentos, o Concello acaba de abrir os expedientes sancionadores que inclúen unha proposta de sanción económica próxima aos 6000 euros nun dos casos e de 2500 euros no segundo.

A maiores, a proposta do Concello inclúe a clausura dun dos locais durante 69 días e de 27 días noutro, e trasládalle tamén os feitos, por desobediencia aos decretos de Alcaldía, ao Ministerio Fiscal por se a conduta fose constitutiva de ilícito penal.

Desde o Concello explícase que, ademais destes dous casos, nestes momentos hai en marcha outros expedientes a outros locais de hostalaría por incumprimentos de horarios e por realizar unha actividade para a que non estaba autorizado na súa licenza.

O goberno local tamén realizará un control pola instalación de televisións en terrazas públicas que non se adaptan ás ordenanzas municipais e de licenzas  para que se axusten ás autorizacións municipais concedidas despois de que tamén se producisen denuncias neste sentido.