O Concello proxecta o arranxo de viarios municipais en diversos núcleos rurais de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián cun investimento próximo aos 200.000 euros

1970

Betanzos, 19 de xaneiro de 2018. O goberno local proxecta a mellora de diversas vías municipais situadas na zona rural, nas parroquias  de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Touriñao, Castro, Illobre, Vila de Suso, Guiliade, Infesta e Xanrozo.

Trátase de camiños moi utilizados, que permiten nuns casos o acceso directo aos núcleos desde estradas autonómicas e provinciais e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo.

Algúns dos núcleos contan con servizos de rede de sumidoiros e abastecemento de auga, cuxas redes de evacuación e subministración discorren en parte por estes camiños, situándose os pozos e arquetas nalgunhas zonas pola beiravía e noutras pola calzada. As vías atópanse con beiravías e noiros con maleza, firme de asfalto algo deteriorado e ausencia de sinalización horizontal.

Os camiños incluídos no  proxecto son os de Touriñao de Abaixo, Touriñao de Arriba, Lamadaqueira, Castro, camiños en Vila de Suso, en Guiliade, Infesta, Xanrozo-Baiuca e Infesta-Xanrozo

Os traballos suporán o acondicionamento e mellora dos camiños co fin de evitar que a súa deterioración vaia en aumento e mantelos nunhas condicións adecuadas para o seu uso, mellorando a súa seguridade e accesibilidade.

Para iso levará a cabo nuns casos o acondicionamento do pavimento de calzada, a súa sinalización horizontal, procedéndose ao pintado das liñas de bordo de calzada, liñas de parada e outras marcas transversais, cedas, STOP, etc. segundo proceda, e á instalación de sinais de stop naqueles camiños que carezan actualmente delas. Noutros casos executarase unha dobre rega da superficie do camiño para mantemento do mesmo.

As obras foron incluídas no Plan Único de Concellos POS+2018 promovido pola Deputación Provincial cun investimento de máis de 194.000 euros.

Obras nas próximas semanas

Por outra banda, o Concello executará nas próximas semanas diversas obras de mellora en viarias da zona urbana e da rural nas que investirá uns 120.000 euros. Trátase de mellora e mantemento do tres viarios, nos que se executará a pavimentación, a sinalización horizontal e limpeza das beiravías nas vías situadas na zona rural.

Entre as obras inclúese a avenida Juan García Naveira, situada no núcleo urbano de Betanzos, na zona do Pasatempo. Unha vía de 505 m de lonxitude que comunica a Avda. Fraga Iribarne coa Avda. do Carregal, sendo unha vía de comunicación importante dentro da trama urbana e con bastante circulación xa que na Avda. Fraga Iribarne sitúanse varias superficies comerciais e na Avda. do Carregal a maioría das instalacións deportivas, así como o emblemático parque enciclopédico do Pasatempo.

Tamén se prevé a mellora do Camiño Braxe-Betanzos O Vello, en San Martiño de Tiobre, un camiño moi transitado xa que discorre desde a DP-0906 á N-651, facilitando o acceso a outros núcleos situados na zona. Esta vía ten unha lonxitude total de 1.681 m,  atopándose o firme de asfalto deteriorado en moitas zonas.

Por último executarase o acceso á igrexa de Requián, un viario que permite o acceso á igrexa parroquial, comunicando os núcleos de Xanrozo e Requián. Trátase dun camiño moi transitado posto que é un dos principais accesos á igrexa parroquial, abarcando a parroquia a un gran número de núcleos rurais: Infesta, Xanrozo, A Graña, Montellos, Viúxe, O Farragoto, O Tarreo, As Casas Novas, Roibeira, Acea e parte de Guiliade.

Os traballos céntranse no acondicionamento e mellora deste tres vías públicas municipais que contan cunha grande circulación, formando parte das principais vías de comunicación a nivel do núcleo urbano, no caso da Avda. Juan García Naveira, e a nivel da infraestrutura viaria rural nos outros dous casos, todo iso co fin de evitar que a súa deterioración vaia en aumento e mantelos nunhas condicións adecuadas para o seu uso.