O Concello reclama por vía xudicial o desafiuzamento do hotel do antigo asilo Manuel Naveira ante a falta de pagamento das rendas de aluguer

159
Hotel situado no antigo asilo Manuel Naveira

O Concello presentou unha demanda xudicial na que solicita o desafiuzamento por falta de pago de aluguer do hotel situado no antigo asilo Manuel Naveira coa resolución do contrato.

A proposta, presentada polos servizos xurídicos municipais a petición do goberno local, forma parte dunha serie de accións  en defensa dos dereitos e intereses do Concello en relación ao incumprimento por parte da entidade mercantil Complexo San Roque SL do pagamento da renda do contrato de aluguer do antigo asilo Manuel Naveira.

Trátase da segunda demanda interposta polo Concello pedindo o desaloxo do hotel despois de que en 2015 xa presentase outra contra a empresa mercantil concesionaria por falta de pagamentos. Naquel entón, tras a demanda e  antes da celebración do xuízo a empresa aboou as cantidades que lle requiría o Concello.

Con todo, ante os novos incumprimentos reiterados no pagamento, o Concello decidiu presentar unha nova demanda contra a mesma entidade mercantil solicitando o desafiuzamento pola falta de pagamento dos anos 2016 e 2017, en total 1.202,02 euros.