O Concello remítelle a Patrimonio a proposta técnica para actuar canto antes no pavillón do Estanque do Pasatempo

958

O Concello recibiu hoxe a proposta técnica de estabilización do pavillón do Estanque do Retiro do Pasatempo. O informe, encargado polo Concello aos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díez Vieites, coas actuacións que se consideran necesarias para estabilizar o pavillón remíteselle agora á Consellería de Cultura para que dea a súa autorización e poidan executarse os traballos.

A alcaldesa, María Barral, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez Lorenzo, reuniuse esta mañá cos autores da proposta técnica para coñecer o estudo realizado que pretende achegar unha solución para deter os posibles desprendementos e que á vez sexa compatible coa futura reconstrución, que será definida no correspondente proxecto de restauración do Pasatempo. Para a elaboración do informe técnico foron necesarias varias visitas, nas que se realizou unha observación polo miúdo da illa do pavillón coa toma de numerosos datos, medicións e unha ampla reportaxe fotográfica.

A primeira edil remitiulle un escrito hai uns días á directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, co fin de que este departamento axilice os trámites para que o Concello dispoña o máis rápido posible dea a autorización e poidan iniciarse os traballos.

A proposta técnica foi encargada unha vez que o persoal técnico de Patrimonio e o persoal municipal visitou a zona que estaba danada o pasado día 26 de outubro. Por mor desa visita e seguindo as recomendacións achegadas polo persoal técnico encargouse a elaboración do mencionado estudo técnico.