O Concello requiriralle a outras 150 persoas propietarias de parcelas para que limpen as malezas

874

O goberno local requiriralle nos próximos días a outras 150 persoas propietarias de terreos a limpeza destes con base á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, da Xunta. Trátase de terreos situados tanto no rural como na zona urbana, cuxo estado de abandono foi detectado polos servizos municipais ben tras unha denuncia veciñal ou ben de forma directa.

No requirimento, o Concello lémbralles o deber das persoas propietarias dos terreos de corrixir o estado de abandono no que están as parcelas e facerse cargo dos prexuízos, no caso de que os houbese, que se causen ás parcelas lindeiras. Fai especial fincapé en que por “interese xeral todas as parcelas e soares do Concello estean nun adecuado estado de limpeza e corte da masa vexetal como establece a lexislación vixente”.

Neste sentido, o Concello comunícalle ás persoas propietarias a obriga que teñen de manter en boas condicións estes terreos segundo a Lei de prevención e defensa contra incendios da Xunta de Galicia, de acordo cos criterios establecidos pola Orde da Xunta en materia forestal. No caso de que non se realicen os traballos, o Concello incoaría o expediente sancionador.

O Concello trasládalle ás persoas propietarias dos inmobles o seu deber de evitar o medre de maleza e outros vexetais que lle afecten ás parcelas lindeiras, así como controlar as plantacións, aínda que fosen de crecemento accidental, de árbores que poidan invadir parcelas lindeiras ou causarlles calquera clase de perturbación.

O Concello lémbralle tamén que as persoas propietarias están obrigadas a evitar o crecemento de especies que dificulten a visibilidade das vías públicas, especialmente, en cruces ou lugares de paso para vehículos. A maleza ou o resto de elementos non poderán, en ningún caso, invadir as vías públicas, tanto en superficie como en voo.

Advírtelles de que se non se acomete a xestión da biomasa das parcelas abrirase o expediente sancionador correspondente que podería levar á execución subsidiaria dos traballos, e repercutir os gastos correspondentes na conta da persoa propietaria ou a imposición de multas coercitivas de 1000 a 10 000 euros.

* En xuño pasado remitiu outros máis de 200 requirimentos que agora comprobará se se executaron

Na primeira fase de requirimentos, o Concello alertou a máis de 200 persoas propietarias o pasado mes de xuño. Agora, comprobarase o estado desas parcelas para, nos casos de incumprimento, iniciar os trámites sancionadores.