O Concello requiriulle a máis de 200 persoas propietarias de parcelas que limpen as malezas

159

O goberno local requiriulle a máis de 200 persoas propietarias de terreos a limpeza destes con base á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, da Xunta. Trátase de terreos situados tanto no rural como na zona urbana, cuxo estado de abandono detectaron os servizos municipais ben tras unha denuncia da veciñanza ou ben de forma directa.

A través deses máis de 200 requirimentos, o Concello lembra o deber das persoas propietarias dos terreos de corrixir o estado de abandono no que están as parcelas e facerse cargo dos prexuízos, no caso de que os houbese, que se lle causen ás parcelas lindeiras. Lembra o interese xeral de que “todas as parcelas e soares do Concello se atopen nun adecuado estado de limpeza e que a masa vexetal estea cortada como establece a lexislación vixente”.

Neste sentido, o Concello comunícalle a obriga que teñen as persoas propietarias de manter en boas condicións estes terreos segundo a Lei de prevención e defensa contra incendios da Xunta de Galicia nos prazos establecidos para iso (actualmente do 31 de maio), de acordo cos criterios establecidos pola Orde da Xunta en materia forestal. No caso de que non se executen os traballos, o Concello incoaría expediente sancionador.

O Concello lémbralle ás persoas propietarias do inmoble o seu deber de evitar o crecemento de maleza e outros vexetais que lle afecten ás parcelas lindeiras, así como controlar as plantacións, aínda que fosen de crecemento accidental, de árbores que poidan invadir parcelas lindeiras ou causarlles calquera clase de perturbación. Tamén que están obrigadas a evitar o crecemento de especies que dificulten a visibilidade das vías públicas, especialmente, en cruces ou lugares de paso para vehículos. A maleza ou o resto de elementos non poderán, en ningún caso, invadir as vías públicas, tanto en superficie como en voo.