O Concello saca a contratación as obras de construción do patio cuberto do colexio de Infantil do Vales Villamarín, que estará finalizado antes do inicio do próximo curso escolar

48
A partida prevista polo Concello alcanza os 170 000 euros.

O Concello sacou a contratación as obras do patio cuberto do colexio de infantil do Vales Villamarín unha vez obtidas as autorizacións de Educación, Augas de Galicia e Patrimonio. O obxectivo é que as novas instalacións sexan unha realidade o próximo curso escolar, segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral Varela. Para facer fronte a esta obra, o Concello reservou 170 000 euros con cargo ao programa de investimentos financiado co remanente de tesouraría de 2017. Trátase dunha obra demandada pola Comunidade Escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre o Concello, a Consellería de Educación, e a propia comunidade educativa (a Ampa e a dirección do colexio).

A obra foi a máis votada no programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local para o que destinou 50 000 euros. Dado que esta cantidade era insuficiente para abordar unha actuación acorde coas instalacións, desde o Concello mantivéronse novas conversacións coa Xunta para buscar “alternativas e poder executar un proxecto máis ambicioso e que, evidentemente, superaría os 50 000 euros que tiña previsto o Concello nese programa de orzamentos participativos”. Eses contactos con Educación finalizaron co acordo de que a administración autonómica redactaría o proxecto mentres que o Concello financiaría as obras, “xa que as consideramos sumamente necesarias. A súa execución non podía demorarse máis”, explica a alcaldesa.

Tendo en conta as características da obra e o seu emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que “se realizarán unha vez finalice o actual curso escolar. Non había tempo material de abordalos noutro momento debido á duración das obras”.

O proxecto, que conta cun orzamento de 160 729 euros, recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para os alumnos ata alcanzar os 370 metros cadrados, nun adecuado, estudado cos técnicos da Consellería, para minimizar o impacto no centro e posibilitar posibles ampliacións futuras. Realizarase tamén unha zona de xogos infantís con pavimento de caucho na que se colocarán, entre outros, balancíns e casiñas.