O Concello solicita a Interior unha oficina permanente de Policía Nacional

1312
Renovación do DNI nas oficinas do Liceo

A Corporación Local aprobou en Pleno unha proposta do goberno local  para solicitarlle ao Ministerio de Interior a implantación dunha oficina administrativa de Policía Nacional no Concello co fin de mellorar a atención á veciñanza na realización dos trámites administrativos como, por exemplo, a expedición do Documento Nacional de Identidade, pasaporte ou permisos de estranxeiría.

O alcalde, Ramón  García Vázquez, explicou que a posta en marcha dunha oficina da Policía Nacional viría completar os servizos de carácter administrativo que como cabeceira de comarca e de partido xudicial ten Betanzos (Facenda, Deputación, Xulgados, Centro de Saúde, colexios…) Como cabeceira comarcal aglutina a máis de 40 000 habitantes repartidos en 10 concellos mentres que como cabeceira de partido xudicial chégase a unha poboación de algo máis do dobre, máis de 80 000 habitantes, repartidos en 16 municipios.

Na actualidade, os trámites realízanse a través dunha unidade móbil da Policía Nacional que cada certo tempo se despraza a Betanzos, atendendo a máis de 300 persoas cada vez, quedando veciñanza en listaxe de agarda. A creación dunha oficina permanente suporía axilizar os trámites administrativos, mellorar a atención aos veciños e evitar masivos desprazamentos á Coruña dos residentes na comarca ou partido xudicial como ocorre actualmente.

O Concello lembra que existen outras poboacións galegas como Ribeira, Marín, Redondela, Monforte, Viveiro ou Carballo nas que se existen oficinas de Policía Nacional con unidades de Estranxeiría e Documentación ou Comisaría Local, o que reforza a petición de Betanzos para poder contar con este novo servizo.

O Concello comprométese, na súa proposta, a colaborar na prestación do servizo facilitando un local e unhas dependencias adecuadas dotadas de mobiliario e equipamento, asumindo os gastos correntes de funcionamento, mantemento e conservación das dependencias cedidas. Na petición non figura un lugar concreto, xa que irá en función das características que marque o Ministerio de Interior. En todo caso, as oficinas estarían nun lugar céntrico e nesa contorna o Concello dispón de varias instalacións municipais que habería que adaptar para desenvolver este servizo.

O Concello remitirá esta petición á Delegación e Subdelegación do Goberno en Galicia para que trasladen e apoien esta solicitude ante o Ministerio de Interior.