O goberno local destinará máis dun millón de euros a investimento nos orzamentos de 2020, nos que incrementa o gasto social

688

O goberno local ultima os orzamentos municipais de 2020 despois de que o proxecto fose entregado aos grupos da oposición, PP e BNG, para o seu estudo e posterior presentación de iniciativas que consideren oportunas. Así o explicou o concelleiro de Facenda, Diego Fernández, quen indicou que a proposta do goberno local alcanza os 9,5 millóns de euros dos que a maior partida será destinada para cubrir os gastos de persoal, con 4,1 millóns de euros.

En canto a gastos correntes, a proposta económica prevé unha partida de 3,5 millóns de euros, incrementándose de maneira notable, en máis de 400.000 euros en relación co actual orzamento, como consecuencia do aumento do custo do servizo de axuda a domicilio.

O primeiro tenente de alcaldesa explicou que dentro das partidas de gasto tamén destaca o millón de euros que se destinarán a investimentos, nas que o goberno local exporá novos equipamentos e mellora de servizos.

Esta partida incrementarase cos máis de 400.000 euros previstos a través do Plan Único da Deputación Provincial. Con todo, o goberno local prevé tamén promover novos investimentos como o parque do Pasatempo ou a senda a Os Caneiros que incrementarán, de forma significativa, o investimento de 2020, xunto a outras colaboracións que poidan chegar “esperemos, do goberno autonómico”.

No capítulo de gastos, o concelleiro destacou o incremento nos servizos e as axudas de carácter social, “aumentando as partidas de subvencións a entidades e fortalecendo as convocatorias de bolsas, comedor escolar, transporte adaptado….” O obxectivo é apoiar o tecido asociativo do municipio e seguir apostando por políticas de carácter social. Neste sentido, subliñou o incremento do gasto no servizo de axuda a domicilio, nestes momentos en fase de licitación.

Iglesia San Francisco

O goberno local cualificou  de “importante” o investimento que a Xunta destinará á Igrexa de San Francisco coincidindo co centenario da súa declaración como monumento nacional.

Nesa mesma liña, o Concello espera que a Xunta concrete a súa achega para outro Ben de Interese Cultural como é o parque do Pasatempo, algo que a Corporación Local leva reclamando desde hai anos.

O goberno local explicou que, como xa trasladou á propia Xunta, a súa intención é executar a recuperación integral do Pasatempo por partes. E que dentro desas actuacións, espera contar coa colaboración da Xunta que, ata o de agora, “só quedou en boas palabras”.

A alcaldesa, María Barral, indicou que o proxecto para recuperar o estanque xa foi presentado ante Patrimonio e esta mesma semana “deunos a súa visto e prace co que agora si podemos sacalo a licitación, cun investimento de máis de 400.000 euros que se financiarán con cargo ao acordo alcanzado coa Deputación”.

O goberno local, o que espera, é que a Xunta achegue, como mínimo, o mesmo que a Deputación. O mesmo grao de compromiso que o ente provincial, algo que ata o de agora non se produciu. O demais son escusas, sempre boas palabras, pero falta un compromiso económico. Coñecen perfectamente as actuacións necesarias no parque e a idea do Concello acometer actuacións paso a paso, pero “coa seguridade de, aos poucos, completar a recuperación de todo o parque”.