O goberno local establece contactos con colectivos veciñais e inicia un programa de accións para previr o “botellón”

1004

O goberno local puxo en marcha unha serie de accións relacionadas co “botellón”. Por unha banda, trátase de programas de concienciación e prevención, e, por outra, de adoptar medidas por mor de escoitar a distintas partes, persoal técnico, Policía Local, veciñanza e representantes de colectivos xuvenís.

Así, desde a Unidade de Prevención de Condutas Adictivas do departamento de Servizos Sociais, coa colaboración da Consellería de Sanidade, puxéronse en marcha varios programas ou campañas de información aos mozos e mozas que se realizan directamente nas zonas de movida nocturna e botellón. A pasada fin de semana tivo lugar no Paseo da Tolerancia, e nos próximos días terá lugar na zona de lecer onde se concentran diversos establecementos hostaleiros. O obxectivo é advertirlles aos mozos e mozas das consecuencias do consumo de bebidas alcohólicas e propor alternativas saudables ao “botellón”. Estas actividades completaranse tamén co programa de prevención “no ámbito familiar”, un programa dirixido a nais e pais que nace para crear un espazo de comunicación e coñecemento, de intercambio de experiencias sobre temas que lle afectan á educación dos fillos relacionados coa vida familiar e social como normas e límites na familia, uso de internet e móbil, escola e familia e problemas de conduta e hábitos de vida saudable, entre outros.

Doutra banda, a alcaldesa, María Barral, mantivo xa diversas reunións con representantes veciñais de varias zonas. O obxectivo é coñecer de preto os problemas que se xeran e tratar de pór solución entre todas as partes, xa que, “o que non podemos permitir desde o Concello é que mentres uns se divirten a outros lles quiten o seu dereito ao descanso.

Explicou que se trata dunha problemática na que converxen moitas circunstancias, desde a saúde e a educación até a propia seguridade cidadá, polo que debemos actuar para sentar bases, elaborando un plan con actividades de lecer alternativo e saudable que estableza medidas disuasorias e, ao mesmo tempo, incrementar a colaboración entre os distintos corpos de seguridade para establecer mecanismos que eviten que a práctica de botellón se estenda a varias zonas da cidade.

A idea do goberno local é recoller o maior número de “impresións” posibles dos distintos colectivos implicados e a partir de aí determinar actuacións concretas con grupos políticos, representantes da mocidade, persoal técnico municipal e representantes da Policía Local.

Reiterou que o Concello “non pode aceptar que polo divertimento duns, moita veciñanza non poida durmir pola noite, ou que ao día seguinte rúas e prazas estean con restos de botellón. Consideramos que hai que facer unha política educativa, de prevención, e incidir nos valores de convivencia e de respecto aos demais e na que tamén queden claras as responsabilidades daqueles que incumpren as normativas”.