O goberno local exporá en Pleno a creación da Fundación Globo de San Roque

1231
O Concello anunciou a suspensión das festas do próximo mes de agosto que afectan, de forma especial, ao lanzamento do globo.

O goberno local levará a Pleno unha proposta de creación da Fundación de interese galego “Globo de San Roque” e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O obxectivo da Fundación será conservar, custodiar e divulgar o globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores depositando todos os dereitos existentes ao respecto nela.

A proposta de creación parte dun escrito presentado no Concello en febreiro de 2016 por un representante da familia Pita no que solicitaba que se desen os pasos necesarios para crear unha Fundación co fin de que a tradición da construción e lanzamento do Globo perdurase no tempo. Tras esta petición, mantivéronse diversas reunións coa familia Pita por parte do concelleiro de Festas, Diego Fernández, e a asesoría xurídica municipal para elaborar unha proposta de estatutos da Fundación cuxo obxectivo principal será perpetuar a tradición do lanzamento do globo, iniciada pola familia Pita, segundo consta na documentación municipal, en 1881.

A historia do globo, cuxo lanzamento se celebra de forma ininterrompida desde mediados do século XIX, convérteo nunha das tradicións de maior arraigamento das festas patronais, e na actividade máis importante das festas tanto polo que representa para os propios betanceiros e betanceiras como pola repercusión mediática e de visitantes que se produce cada 16 de agosto cunha media de 50 000 persoas na praza dos Irmáns García Naveira que ven cada ano como se eleva o globo de papel máis grande do mundo, realizado artesanalmente na súa práctica totalidade, con materiais tradicionais: os dezaseis cuarteiróns que o conforman son de papel de estraza, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón, ilustrados con viñetas humorísticas realizadas por artistas locais. Cunha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 e unha circunferencia máxima de algo máis de 50 metros.

A Fundación será a encargada, como se recolle nos seus estatutos, de elaborar, inflar e lanzar conforme aos patróns e formas custodiadas, o globo de San Roque cada 16 de agosto con ocasión das festas patronais. Todos estes labores terán que cinguirse canto a materiais e métodos de traballo aos descritos na marca O Globo de San Roque concedida en xullo de 1979 e cuxa titular será a Fundación.

Nos estatutos figurará todo o proceso que hai que seguir cada ano para a elevación e lanzamento do globo. Entre elas, estipúlase que no caso de que non puidese lanzarse “por causa de forza maior” o 16 de agosto, tería que efectuarse o 18 á mesma hora (23:30 h). Se pola mesma causa, tampouco fose posible, tería que facerse o 25 de agosto. Non podería lanzarse en ningunha outra data e tería que ser destruído para que non poida ser copiado, exposto ou reutilizado por ninguén.

A representación, o goberno e a administración da Fundación están a cargo, de modo exclusivo, do Padroado que estará composto por doce membros: o alcalde, presidente; o concelleiro de Cultura, outros/as tres concelleiros/as nomeados/as polo alcalde ou membros da Corporación; o secretario da Corporación; tres membros da familia Pita: Jaime Pita e Emilio Pita e unha terceira persoa da familia escollida por eles; e tres persoas máis que veñen colaborando na elaboración e lanzamento do Globo das que unha delas será un dos debuxantes.