O goberno local inclúe a cuberta do patio de infantil do CEIP Francisco Vales Villamarín nos investimentos que afrontará con cargo a un remanente de Tesouraría de 1,1 millóns de euros

196
O alumnos/as non contan cunha superficie cuberta nas instalacións

O goberno local destinará o remanente de Tesouraría, que alcanza o 1,1 millón de euros, a diversos proxectos de equipamento e infraestruturas. O goberno local elevará o vindeiro martes a proposta a Pleno, na que se inclúen case unha decena de actuacións. Entre elas figura unha partida para abordar a construción do patio cuberto do aulario de Infantil do colexio Vales Villamarín, para o que o Concello reservará uns 170 000 euros.

Trátase dunha actuación demandada pola comunidade educativa e o propio Concello á Consellería de Educación sen que ata agora puidese ser atendida. Aínda que o centro escolar goza dunha zona de patio exterior para o alumnado, a falta dunha superficie cuberta fai que non poida ser utilizada os días con meteoroloxía adversa.

A construción da cuberta do patio foi, posteriormente, a obra máis votada no proceso de orzamentos participativos aberto polo goberno local por diante doutras propostas.

Aínda que a cantidade prevista para investimentos nese programa de participación cidadá era de 50 000 euros, o goberno local decidiu ampliar a partida ata cubrir a totalidade do investimento “debido a que a obra é sumamente necesaria”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

Nese sentido, indicou que se buscou a vía para poder acometer o proxecto que, finalmente será incluído dentro das actuacións previstas con cargo ao remanente de Tesouraría. Para a execución da cuberta, o goberno local deberá contar coa autorización da Consellería de Educación e buscar o período escolar idóneo para poder executar os traballos.

Outro dos proxectos que pretende afrontar o goberno local é o de instalación dun ascensor na praza dos Irmáns García Naveira, que dea servizo ao aparcadoiro subterráneo.

As obras permitirán suprimir as barreiras arquitectónicas e facilitar o acceso ás instalacións a persoas con mobilidade reducida. Os traballos de adaptación centraranse nun dos actuais accesos ao aparcadoiro, na praza de Galicia, que comunica esta entrada cos sotos -1 e -2 respectivamente.

O custo dos traballos suporá un desembolso duns 150 000 euros.