O goberno local pretende rehabilitar o antigo convento das Donas como centro de uso sociocultural destinando para a súa recuperación 350 000 euros

1425
Convento das Donas, situado na zona das Cascas

O goberno local proporá incluír dentro dos proxectos do  Plan único POS+ 2019 que presentará ao Pleno o vindeiro luns a rehabilitación do convento das Donas, considerada a edificación máis antiga de Betanzos, a través dunha actuación que alcanzará os 349 952 euros, cunha achega municipal de 171 768 euros.

Con este proxecto intentarase “devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público/colectivo de uso, segundo explicou hoxe á alcaldesa, María Barral. A proposta técnica ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia e lembrara, non polo seu tamaño senón por devolverlle ese valor de referencia, o que no momento da súa construción representou no contorno e para a xente daquela época. Un espazo que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e revalorice o que permanece dende a orixe da
construción. 

A alcaldesa indicou que o proxecto incluirá uns criterios da intervención que se poden resumir en: conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que están, ademais, en ruína; conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación  da existente.

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa poboación
do contorno, cas súas necesidades. A actuación contempla crear espazos onde as actividades de: lecer, estudar, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun  centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple. Estes obxectivos concrétanse en conseguir un espazo representativo na zona Oeste que se mantén. Canto ao corpo principal do conxunto, orixinariamente de dúas plantas que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e
nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o seu valor histórico.

Recuperar o concepto de patio, á hora de propoñer espazos complementarios que fixesen utilizable a edificación existente e desen sentido ao restos atopados, o proxecto propón  un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar.

Os muros que hoxe vemos seguen a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. Ao carón deles o patio confeccionarase cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal. Con esta nova confección do conxunto obterase unha antesala, espazo de chegada (entrada) localizada na entrada principal que tivo o convento, co arco de acceso como  elemento distintivo e referencial; unha segunda sala multifuncional complementaria; e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, obtendo un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo; a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan; posta en valor dos arcos, como elementos singulares, e incorporación de novos espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite ao uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso dende a rúa e dende o patio, para recoller todos os posibles tránsitos, e dende o que se chega a todos os locais; unha sala de usos múltiples; un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos ou persoas adultas, definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.