O patio cuberto do aulario de Infantil contará cunha superficie próxima aos 400 metros cadrados e estará operativo para o próximo curso

1111
A partida prevista polo Concello alcanza os 170 000 euros.

O patio do colexio de infantil do Vales Villamarín será unha realidade o próximo curso escolar. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral Varela, despois de que se aprobase en Pleno a proposta de investimentos do goberno local con cargo ao remanente de Tesouraría de 2017. Trátase dunha obra demandada pola comunidade escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre a Consellería de Educación, o Concello, e a propia comunidade educativa (a AMPA e a dirección do colexio).

A obra foi a máis votada no programa de orzamentos participativos impulsado polo goberno local o pasado ano para o que destinou 50 000 euros. Dado que esta cantidade era insuficiente para abordar unha actuación acorde coas instalacións, desde o Concello mantivéronse novas conversacións coa Xunta para buscar “alternativas e poder executar un proxecto máis ambicioso e que, evidentemente, superaría os 50 000 euros que tiña previsto o Concello nese programa de orzamentos participativos”. Eses contactos con Educación finalizaron co acordo de que a Administración autonómica redactaría o proxecto mentres que o Concello financiaría as obras, “xa que as consideramos sumamente necesarias. A súa execución non podía demorarse máis”, explica a alcaldesa.

O proxecto foi entregado recentemente por parte da Xunta e agora será o Concello o que inicie os trámites administrativos. Primeiro, vinculados á aprobación da partida económica necesaria para afrontar o investimento e logo para sacar as obras a contratación. Tendo en conta as características da obra e o seu emprazamento, os traballos só poderían executarse nun período vacacional, por iso é polo que os traballos “realizaranse unha vez finalice o actual curso escolar. Non hai tempo material de realizalos noutro momento debido á duración das obras”.

A partida prevista polo Concello alcanza os 170 000 euros. O proxecto recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para o alumnado ata alcanzar os 370 metros cadrados. Realízase contiguo ao edificio existente, fronte á fachada do comedor. Tamén se colocarán cinco xogos infantís.