O Pleno de Betanzos aprobou unha declaración institucional para instar á Xunta a que o Club de piragüismo non teña que afrontar os custos da concesión do edificio nin o IBI

1055
Edificio no Porto de Betanzos. FOTO: La Voz de Galicia

O Concello aprobou en Pleno unha declaración institucional sobre a situación do Club Náutico ría de Betanzos na que se pretende instar á Xunta de Galicia a que realice as xestións oportunas para que o Club non teña que afrontar custos pola concesión administrativa do uso do edificio, nin o Imposto de Bens Inmobles nin o recarga do 20% dos consumos de auga e electricidade que lle impón Portos de Galicia.

A proposta, foi referendada por todos os partidos políticos con representación municipal, lembrou os problemas que está atravesando o club para facer fronte aos distintos gastos que ten que afrontar. Lembra que foi a Xunta de Galicia concluíu a construción dun edificio no Porto de Betanzos para albergar a sede do club no ano 2013 e no mes de febreiro de 2015 outorgoulle unha concesión administrativa pola ocupación da parcela existente de 714,45 metros cadrados na que se localiza o dito edificio de superficie de 1110 metros cadrados.

Esta concesión administrativa suponlle ao club afrontar uns gastos pola taxa anual de 12 000 € (a pesar da bonificación do 90%), máis o Imposto de Bens Inmobles e consumos eléctricos e de auga cunha recarga do 20% do gasto por parte da entidade Portos de Galicia. A declaración indica que é obvio que a entidade mellorou con esta nova instalación, mais ben é certo que os gastos que ten que afrontar creceron de forma exponencial, tendo que destinar as subvencións concedidas polas distintas administracións (Concello de Betanzos, Deputación Provincial da Coruña e Xunta de Galicia) a sufragar estes custos en vez de poder destinalos directamente á educación deportiva dos nenos e das nenas que conforman o club.

O club Náutico Ría de Betanzos comezou a súa andadura no ano 1983, inscribíndose formalmente no Rexistro de entidades deportivas de Galicia no ano 1984. A entidade instalouse nun pequeno almacén situado na Praza de Enrique IV para, posteriormente, ocupar unha das naves municipais localizadas no barrio da Ribeira. Neste emprazamento a entidade desenvolveu a súa actividade ata ano 2014.

O traballo fundamental da entidade céntrase na formación deportiva dos nenos e das nenas que conforman a estrutura de base do club. Este traballo vese reflectido en que o Club Ría de Betanzos é o único club de piragüismo da provincia da Coruña cualificado de Alto Nivel pola Xunta de Galicia, séndoo durante 5 anos consecutivos. O club é a única entidade Galega desta disciplina que contou con deportistas nos Xogos Olímpicos de Río 2016, acadando ata dous diplomas olímpicos (Oscar Carrera e Rodrígo Germade). A única medalla en distancia olímpica no Campionato do Mundo Sub 23 de Bielorrusia foi dun deportista da entidade, que fixo a preparación do campionato en Betanzos (Carlos Arévalo). Ademais de ser o club de piragüismo da Coruña que máis participacións internacionais acredita nos últimos anos.