O prazo de presentación de suxestións ou alegacións ao expediente BIC da Xunta sobre Pasatempo remata o vindeiro día 19

1306
Estanque do Retiro, Parque doPasatempo

A veciñanza pode consultar no taboleiro de anuncios da web do Concello a Resolución da Consellería de Cultura sobre o inicio do expediente para a declaración do parque do Pasatempo de Betanzos como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de xardín histórico. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza a información para que poida, no caso de estar interesada, formular as alegacións ou suxestións dentro do prazo establecido que remata o vindeiro día 19 deste mes.

A declaración coma BIC foi unha antiga reivindicación da corporación local para darlle protección a un parque que na Resolución da Consellería de Cultura o describe coma unha obra singular no contexto da creación artística galega de finais do século XIX e principios do XX, que recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinaría europea, pero constitúe unha testemuña única e excepcional, pola actitude ecléctica desenvolvida e por apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana.

Cualifica o Pasatempo como unha obra senlleira pola súa singularidade e fráxil polo abandono e as agresións a que estivo sometido, o que o converte nun ben vulnerable que require de maneira urxente afondar na súa protección e adecuada xestión. A Consellería de Cultura considera que esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX.