O primeiro día do novo servizo de axuda no fogar desenvolveuse sen incidencias a pesar da complexidade para cubrir os servizos a todos os usuarios

589
A alcaldesa María Barral responsable tamén da área de Servizos Sociais, xunto ás técnicas do departamento mantivo desde primeira hora un seguimento deste primeiro día de servizo

Os Servizos Sociais amosaron a súa satisfacción polos resultados do primeiro día de servizo coa nova empresa de axuda no fogar, un primeiro día que se desenvolveu sen incidencias despois de que durante as últimas horas, ante a decisión da anterior empresa a abandonar o servizo, “se traballase intensamente para realizar os cuadrantes de traballo e que as persoas usuarias estivesen atendidas”.

Así o explicou a alcaldesa, María Barral, quen admitiu que o cambio dun servizo tan importante e vital como este “sempre supón riscos á hora de cubrir os servizos e por iso se fixo un especial seguimento para que as persoas usuarias fosen atendidos convenientemente e evitar, na medida do posible, alteracións”.

A primeira edil, responsable tamén da área de Servizos Sociais, mantivo desde primeira hora un seguimento xunto ás técnicas do departamento deste primeiro día de servizo, despois de manter nos últimos días contactos con representantes das persoas usuarias e o venres e onte coas profesionais do servizo a quen explicou “os detalles do acordo coa nova empresa”.

O Concello seguirá realizando un seguimento, xunto á nova concesionaria, do servizo neste inicio deste “aínda que estamos seguros que todo vai ir nas mellores condicións posibles xa que a empresa lles transmite unha total confianza pola súa experiencia demostrable e o ben que funciona noutros municipios”, indicou a alcaldesa.

Lembrou que a súa contratación foi motivada pola decisión da anterior de abandonar a prestando do servizo a partir do 1 de outubro en contra do criterio dos servizos xurídicos municipais que sostiñan que a empresa tiña obriga -existe xurisprudencia nese sentido- de mantelo nas mesmas condicións que viña realizando por un prazo de tres meses desde a finalización do contrato ata o 1 de xaneiro de 2020 ou a data na que entrase en vigor o novo contrato que nestes momentos está en licitación urxente.

Ante a negativa de Tu mayor amigo, que recibiu varias notificacións, o goberno local buscou alternativas para garantir o servizo desde onte, mantendo reunións con distintas empresas do sector ante a imposibilidade de promover unha concorrencia competitiva, tendo en conta que o procedemento de licitación xa está en marcha desde hai uns días.

Nesa negociación verbal con distintas empresas, chegouse a un principio de acordo con SIAD 24 SL para que pasase a subrogarse en a contrata de maneira “urxente” e asumise, tal e como fixo, a continuidade do servizo. Un camiño que o Concello debeu tomar por razóns de interese público, “xa que é un servizo esencial que afecta á saúde das persoas dependentes e que non pode deixar de ser prestado en ningún caso?, segundo explicou a alcaldesa María Barral.

SIAD 24 foi contratada, pola vía da urxencia, para que preste o servizo desde hoxe a arredor dun centenar de usuarios e usuarias deste, ata que comece a prestalo a nova empresa que saia do proceso de licitación que está aberto nestes momentos.

O goberno local reiterou hoxe a súa intención de iniciar a tramitación dun expediente administrativo contra a empresa Tu mayor amigo por falta nas súas obrigas de continuidade do servizo e as consecuencias xeradas pola súa decisión.