O turismo de Betanzos medrou en 2017 un 14,3% sendo o nacional, de onde provén o 68%, o que maior influencia ten na economía local

1198
O Concello presentou a memoria coincidindo coa visita de máis de 400 turistas á cidade

A Concellería de Turismo presentou a memoria correspondente ao ano 2017 xusto o mesmo día no que a cidade albergou a visita de máis de 400 persoas de diversas nacionalidades (Estado Unidos, Reino Unido, Alemaña, Brasil, entre outros) dun cruceiro que fixo escala na Coruña. E é que a memoria presentada destaca o aumento que exponencialmente ano tras ano experimenta Betanzos no turismo de cruceiros pola súa proximidade tanto a Ferrol como á Coruña. A historia, a cultura e a gastronomía son aspectos que buscan estes turistas. O ano pasado chegaron a Betanzos 2050 persoas pertencentes a 35 cruceiros o que supón o 31,4% do turismo estranxeiro da cidade.

A memoria reflicte o comportamento do turista que visita Betanzos e asenta as bases para pensar en diversas actuacións futuras cun claro obxectivo de “impulsar un turismo de calidade, desestacionalizado que impulse a economía local e converta a cidade nunha referencia non só en Galicia, onde xa o é, senón no resto do territorio nacional”. Segundo os datos achegados hoxe, o turismo aumentou nun 14,3% en relación a 2016 o que “reflicte que para Betanzos foi un ano especialmente bo”, nomeadamente entre os meses de abril a outubro, que concentran os de maior afluencia de persoas.

A memoria recolle os turistas que se pasaron ao longo do ano pola oficina de Turismo, algo primordial para coñecer o comportamento, gustos, expectativas, e épocas de maior afluencia. O número de turistas que pasaron pola oficina marca dalgunha forma a “saúde do turismo en Betanzos” xa que moitas das persoas que visitan a cidade non pasan pola oficina e por tanto “os datos marcan tendencias”.

O pasado ano pasaron pola Oficina 38 553 persoas, das que o 68,16% eran residentes noutras comunidades autónomas, o 14,96% en Galicia e un 16,88% doutras nacionalidades. De Galicia, as 5768 persoas que pasaron pola oficina, o 43% son da provincia da Coruña, o 26,4% de Pontevedra mentres que o 11,3% residen en Ourense.

Con relación a España, Madrid ocupa o primeiro lugar con 6538 madrileños que se desprazaron a Betanzos o que supón o 24,8% do total de visitas recibidas; seguido por Cataluña con 3225 (12,2%) e Andalucía con 3044 persoas (11,5%), un ranking que se mantén como en 2016. Os meses de maior afluencia volven ser agosto, con preto de 6.000 visitas; seguido de Xullo con 4653 e setembro con 3332.

Canto aos turistas estranxeiros, visitaron a cidade 6509 persoas. Este sector achega case o 17% das consultas recibidas e cada ano vai a máis. Deles, 4794 corresponden a Europa, cun 73,6% seguido de América do Norte con 1016 e 15,6%.  Deles, por países, Reino Unido figura en primeiro lugar con 1366 visitas; seguido de Alemaña e Italia, ambos superando as 1000 persoas. Despois, Francia, Portugal e Bélxica. Destacan tamén os 925 turistas de Estados unidos e os 296 de Arxentina.  Despois, Xapón con 99 persoas.

Outro dato importante da memoria presentada hoxe é o que reflicte a visita de grupos. En 2017 programáronse 432 visitas a unha media de 20 persoas por grupo. A maior parte da xeografía nacional e dos meses de abril e maio.

Outro dos grupos que máis medrou é o dos peregrinos. Este tipo de turismo aumentou en 2017 nun 51% en relación a 2016 chegando a atender a 5341 persoas na Oficina de Turismo. E é que durante 2017 realizaron o Camiño Inglés 11.321 persoas (cifra marca segundo datos da Oficina do Peregrino de Santiago. Os peregrinos supoñen o 13,8% do turismo total de Betanzos.