O Xulgado dálle a razón ao Concello e desestima a “suspensión” da orde de apuntalamento da Fábrica da luz solicitada pola propiedade do inmoble

1051

A sala do contencioso administrativo número tres da Coruña acaba de fallar a favor do Concello de Betanzos no recurso presentado pola sociedade mercantil General de Edificios y Solares SL, propietaria do inmoble coñecido como Fábrica da luz, ao acordar denegarlle a pretensión de suspender a orde de apuntalamento do edificio, situado no número 1 e 3 da avenida da Coruña, decretada na resolución da Alcaldía en maio deste mesmo ano, impóndolle as costas.

No seu auto, o xuíz explica que non cabe dúbida de que o mal estado da edificación sobre a que pesa a orde de execución comportou durante algún tempo uns riscos evidentes para a cidadanía, e por iso é polo que a resolución municipal que no recurso se impugna ordena a retirada inmediata dos elementos perigosos, así como a delimitación do contorno, o que se fixo co que o risco xeral ha desaparecido. No entanto, aínda resta que se evite a desaparición do inmoble catalogado con protección integral, advirte o xuíz, o que se ten que evitar coa adopción das medidas necesarias, como o serían o seu apuntalamento por unha empresa especializada na materia e coa debida dirección e supervisión dun técnico competente, tal e como ordenou o Concello.

A orde de execución municipal incluía a execución de diversas actuacións de seguridade e protección no prazo de dous meses. A notificación realizábase despois de que o Concello recibise autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha vez incoado en xuño de 2017 o expediente de inclusión do edificio no catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

Para este requirimento (o 24 de febreiro de 2017 realizouse o anterior), realizouse unha visita de inspección ás inmediacións do edifico co fin de comprobar o seu estado despois do tempo transcorrido desde a incoación do expediente. O informe constata que non se executaron a totalidade das actuacións indicadas para realizar na orde de execución de febreiro de 2017.

Así, insistíase na necesidade de apontoar e reforzar diversas zonas sólidas do edificio, entre elas, o interior da estrutura principal e secundaria co fin de evitar derrubamentos parciais como se produciron anteriormente e garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación.

Estes apuntalamentos, indicábase expresamente por parte do Concello, deben ser executados por unha empresa especializada na materia e baixo a dirección e supervisión de persoal técnico responsable competente. Estas actuacións axústanse ás determinacións recollidas na autorización outorgada pola Dirección Xeral de Patrimonio na que explicitamente se dá o visto e prace ás obras para garantir e manter as características e elementos singulares do edificio.

O auto xudicial reforza as medidas adoptadas polo Concello que xa anunciou tamén a súa intención de abrir un expediente sancionador. A alcaldesa, María Barral, insistiu en que non se vai “tolerar que a situación continúe igual” e que adoptarán “as medidas que teña na súa man para que a empresa propietaria do inmoble realice o que o persoal técnico considera que debe executar para garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación”.