O Xulgado obriga, nun novo auto, á propietaria da fábrica da luz a realizar diversas actuacións de consolidación este mes de abril

277
O edificio está situado na avenida da Coruña

A sala do contencioso administrativo número tres da Coruña acaba de emitir un auto o que obriga de novo á sociedade mercantil General de Edificios y Solares SL, propietaria do inmoble coñecido como Fábrica da Luz, a realizar unha serie de actuacións este mes de abril despois de que as anteriores actuacións ordenadas polo Concello non se executasen ao non poder ser desenvolvidas en “condicións de seguridade”, segundo o director de obra contratado pola empresa. Por mor diso, o Concello encargou un informe técnico, elaborado o pasado mes de marzo, que comparte a Sala do Contencioso número 3, no que se volve a incidir no estado deficiente do edificio, en especial da nave principal e dos volumes anexos, así como do corpo encostado noroeste e que insta á empresa propietaria a realizar con urxencia unha serie de actuacións conservación, apontoamento e estabilización, á espera dunha posterior intervención.

O informe advirte da deterioración en aumento do edificio polo paso do tempo, o que fai que a cuberta perdera a súa capacidade de protección con respecto á auga e outros axentes atmosféricos, polo que é necesario realizar derrubamentos, desde o exterior para facelo de forma segura, para evitar maiores deterioracións ou que mesmo se poida chegar a unha situación de irreversibilidade. Por esta razón, incídese na necesidade de actuar coa maior prema posible.

No informe técnico maniféstase que a maior parte da estrutura primaria da nave principal e anexos e dos seus muros de peche poderán estabilizarse e protexerse á espera dunha posterior intervención posterior. Canto ao edificio pegado noroeste, o informe sinala que se pode intervir accedendo de forma segura ao seu interior para realizar derrubamentos e operacións de saneamento para logo estabilizar e protexer o que se manteña a cuberta, os elementos de estrutura primaria e muros de cerramento.

Auto anterior

Trátase dun novo auto que se suma ao anterior no que se denegaba a pretensión da empresa de suspender unha orde de apontoamento do edificio, situado no número 1 e 3 da avenida da Coruña, decretada na resolución da Alcaldía en maio do pasado ano.

No seu auto, o xuíz explicaba que non cabía dúbida que o mal estado da edificación sobre o que pesaba a orde de execución e que comportaba riscos evidentes para a cidadanía.

O auto xudicial reforzaba as medidas adoptadas polo Concello que tamén abriu un expediente sancionador que segue o seu curso. A alcaldesa, María Barral, insistiu en que non se vai a “tolerar que a situación continúe igual” e que adoptarán “as medidas que teña na súa man para que a empresa propietaria do inmoble realice o que os técnicos consideran que debe executar para garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación”.