Betanzos elabora unha ordenanza específica para evitar danos en vías municipais que se producen pola tala de árbores nos montes

72

O Concello pretende evitar os destragos que ocasionan as talas de madeira nos montes co posterior traslado polos camiños municipais. Para iso, acaba de facer pública unha ordenanza municipal que estará exposta ao público durante 15 días para á presentación de suxestións que ten como finalidade de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir estes como consecuencia das operacións de saca de madeira, comprendéndose dentro desta as operacións preparatorias da corta da madeira, almacenamento e transporte.

VER ORDENANZA

O Concello lembra que é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado para protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais. O uso dos camiños e as vías públicas municipais en condicións óptimas é un dereito de toda a comunidade de persoas usuarias, e esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben de realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do Concello, tanto públicos como privados. O Concello é consciente da importancia do sector forestal, pero tamén da incidencia que esta actividade pode ter na conservación e mantemento das infraestruturas viarias de titularidade municipal, “esta ordenanza pretende facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade viaria”, segundo explicou o goberno local.

Quedan excluídas da presente ordenanza as pisortas forestais tal como son definidas na Lei de montes de Galicia, isto é todos, aqueles camiños de tránsito rodado de titularidade pública ou privada, fóra da rede de estradas, vinculado á xestión forestal e situado en solo rústico de protección forestal, así como servidumes de paso a fincas de titularidade privada.

Para os efectos desta ordenanza, enténdese por operacións de saca de madeira a totalidade das que se desenvolvan para a obtención de madeira de tala, tanto as previas á corta de madeira (desprazamento de vehículos e/ou maquinaria, preparación dos terreos, accesos ás fincas) como as posteriores (preparación, depósito, cargamento e transporte), quedando excluídas do ámbito de aplicación as talas puntuais de exemplares de árbores illadas; as podas e refaldes en plantacións forestais; o clareo de rebrotes de cepa; as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico; a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.

Son obrigas do madeireiro encargado de realizar as operacións de saca da madeira as seguintes: Presentar a solicitude de autorización; sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e depósito da madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria; limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de cargamento e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo; limpar as superficies dos montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio; repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

As sancións poden chegar ata os 3000 euros se a multa é considerada como moi grave.