Os servizos xurídicos municipais advirten dos riscos que suporía unha rescisión do contrato de axuda no fogar antes de adxudicar o novo servizo

844

O goberno local dará conta no próximo pleno, o martes día 26, do informe emitido polos servizos xurídicos municipais sobre o servizo de axuda no fogar. Neste, despois de analizar a situación do expediente administrativo, os servizos xurídicos advirten dos danos e prexuízos que se poderían ocasionar ás persoas usuarias e traballadoras se se produce a resolución do contrato vixente antes de ter adxudicado o novo contrato.

Neste sentido, enumera os problemas nos que se poderían ver inmersos as distintas partes. Entre eles destaca o risco de deixar de darlle continuidade a un servizo que se presta a persoas dependentes todos os días do ano e que non pode deixar de prestarse sen ter consecuencias e responsabilidades de distinta orde. O SAF é un servizo especialmente complexo e delicado dirixido a necesidades básicas de persoas dependentes que non se pode interromper como outros servizos municipais, polo que as persoas usuarias do servizo serían as principais afectadas.

Advirte dos riscos para as traballadoras dos servizos, xa que os contratos laborais das traballadoras da empresa concesionaria que traballan no SAF de Betanzos e que serían subrogadas pola seguinte empresa concesionaria do servizo, poderían suspenderse durante varios meses, a través dun expediente de regulación temporal de emprego ata que sexa adxudicado e formalizado o novo contrato e continúe a prestación do servizo.

A Secretaría municipal lembra que a preparación, aprobación, licitación e adxudicación do novo contrato de SAF, cuxa tramitación xa se iniciou por Decreto da Alcaldía o 28 de xaneiro pasado, pode tardar entre 6 e 7 meses pola súa complexidade xa que é un contrato de 2.380.800 euros suxeito a regulación comunitaria. No caso de que non houbese incidencias pel contrato podería estar adxudicado e formalizado antes da finalización do contrato vixente en data 23/09/2019. No entanto, podería alongarse a tramitación do expediente, en caso de existir incidencias, ata chegar ou superar o ano de duración, polo que neste caso habería que exporse no mes de setembro prorrogar o contrato como única alternativa para garantir a continuidade na prestación do servizo ata a adxudicación e formalización do novo contrato, xa que non se pode acudir á contratación menor directa nin ao procedemento aberto simplificado sumario que serían moito máis áxiles.

No mesmo informe, os servizos xurídicos advirten desta situación ao Pleno da Corporación, que é o que tería que adoptar a decisión de rescindir o contrato, para que o teña en conta antes de tomar unha decisión, xa que aínda que se dan supostos de feito para proceder á resolución do contrato, a condición de que se solicite o ditame correspondente ao Consello xurídico consultivo de Galicia e leste fose favorable, non son menos certos os problemas que esta rescisión podería causar a traballadoras e usuarios do servizo e, por extensión, ao propio Concello.