Todas as xeracións maiores de 50 anos reuniranse o 14 de setembro nunha “ xuntanza especial” no Pasatempo polo 800 aniversario

173

Betanzos celebrará o 14 de setembro unha “ xuntanza especial” de maiores de 50 anos.

Será no auditorio do parque do Pasatempo, cunha comida e distintas actividades. Trátase de unir nun só día distintas xeracións de máis de 50 anos con motivo da celebración do 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre ata o actual centro histórico.

Tradicionalmente, a partir dos 50 anos, as distintas xeracións, a nivel individual, adoitan reunirse unha vez ao ano para celebrar unha comida ou cea de confraternidade, un encontro “tradicional” en Betanzos e un costume que pasa de xeración en xeración a partir dos 50 anos. A do 14 de setembro será a primeira vez que se reunan nunha xuntanza especial todas as xeracións, ou todos os betanceiros e betanceiras de máis de 50 anos.

Os impulsores do encontro, representantes das diferentes xeracións, expuxeron hai semanas á alcaldesa, María Barral, a súa idea que foi moi ben recibida no Concello e que se reflectirá nunha colaboración a nivel de infraestrutura para desenvolver o encontro. É dicir, será o Concello o que adecúe o auditorio para a celebración da comida con mesas, cadeiras e unha gran carpa, ademais doutros servizos.

Será a comisión de xeracións a que se encargue da comida e a súa organización. Para asistir será necesario retirar invitacións que terá un custo de 35 euros. Estarán dispoñibles no edificio da terceira idade, no cantón de San Roque 1, en horario de luns a venres, de 11.00 a 13.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas ata o 30 agosto.

A alcaldesa, María Barral xunto a dous dos organizadores no edificio da terceira idade, no cantón de San Roque,1 onde se poden retirar as invitacións.