Volve o Concurso de cartas aos Reis Magos

1144

O III Concurso de cartas aos Reis Magos abre o prazo o próximo 1 de decembro coa intención animar á rapazada a lle escribiren as súas cartas en galego aos Reis Magos, promover a creación escrita entre os máis pequenos e pequenas e reflexionar sobre temas como a lingua galega, a solidariedade e a necesidade de sensibilización cos problemas sociais.

O Concello de Betanzos organiza por terceiro ano este III Concurso de cartas aos Reis Magos dentro do Programa de Nadal que estará na rúa os vindeiros días e que pretende festexar as tradicións nas datas máis sinaladas. Neste concurso poderá participar todo o alumnado que estea a cursar a Educación Infantil e Primaria en Betanzos en catro categorías que contarán con cadanseu premio e accésit. Os propios Reis Magos entregaranlles en persoa os premios aos gañadores e gañadoras o próximo 4 de xaneiro nunha recepción que terá lugar na Casa do Concello.

As cartas poderán depositarse entre o 1 e o 22 de decembro nas caixas de correo real que haberá no CEIP Francisco Vales Villamarín, no CPR Nosa Señora do Carme-Atocha, no Biblioteca Municipal Castelao e no Edificio Arquivo do antigo Reino de Galicia. Os Reis Magos responderanlle a todos os nenos e nenas que depositen a carta con todos os datos postais de xeito claro.

As bases completas do III Concurso de cartas aos Reis Magos poden consultarse na páxina web, www.betanzos.net, na sede electrónica, https://sede.betanzos.es, e no taboleiro de anuncios das Oficinas Xerais do edificio Liceo. Tamén se pode solicitar máis información do concurso no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].