Preto de 400 mulleres participaron na “Xuntanza de labores artesanais” con motivo do Día da Muller

892

O Concello, a través da Concellaría de Servizos Sociais, xunto coa asociación de “Mulleres da Condesa” realizou o sábado a Xuntanza de Labores Artesanais dentro dos actos do Día da Muller.

Os actos, que comezaron coa recepción das participantes ás dez da mañá no edificio Liceo, reuniron a preto de 400 mulleres representantes de máis de medio centenar de colectivos entre asociacións, centros sociais, tendas especializadas dedicadas aos labores como encaixe de palillos, manualidades, coiro, flores secas, talla de madeira, liño, etc.

Entre os participantes houbo asociacións de Ourense, Camariñas, Ferrol, O Bierzo, León e diversas zonas de Asturias e Cantabria.

O programa de actividades desenvolveuse desde o dez da mañá até as dúas da tarde e desde o catro ao sete da tarde.

Durante a xornada, aberta ao público en xeral, púidose visitar unha exposición de traballos, observar como os realizan e adquirir algúns dos labores artesáns realizados durante a propia xornada.

Esta xornada enmarcouse dentro dos actos de conmemoración do Día da Muller que ao longo desta semana tiveron lugar no municipio. Tendo en conta o éxito alcanzado en edicións, tanto en canto ao número de visitantes como de expositores, o Concello decidiu organizar xunto á asociación da Condesa este novo encontro. As mulleres participantes foron recibidas pola alcaldesa, María Barral, que destacou a importancia deste encontro para destacar e recoñecer o traballo das mulleres.