A Vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, será a pregoeira das festas de Betanzos

163

A Vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, será a encargada de ler o pregón das festas patronais de Betanzos que se celebrarán do 14 ao 25 de agosto. A Vicepresidenta aceptou a invitación realizada pola alcaldesa, María Barral, para oficiar como pregoeira das festas de agosto nun concello co que Nadia Calviño garda unha relación especial e que visita con relativa frecuencia.

A primeira edil explicou que Nadia Calviño “aceptou de moi bo agrado” o convite de ler o pregón das festas, algo que para o Concello é todo un “orgullo e honra. Polo feito de que sexa unha muller, galega, ministra, e vicepresidenta primeira do goberno de España”. O pregón, como é tradicional, terá lugar o día 14 nun acto no que tamén se coroará á Raíña das festas.

María Barral indicou que o programa completo se presentará nos próximos días aínda que avanzou que contará coa presenza das principais orquestras galegas e concertos dirixidos a todas as idades; ademais de actividades culturais e deportivas. Nestes momentos ultímanse os dispositivos especiais de seguridade para os días de celebración das xiras aos Caneiros, os días 18 e 25, así como o lanzamento do Globo o día 16 que, por primeira vez, será organizado pola Fundación Globo de Betanzos creada para perpetuar a tradición na elaboración deste aeróstato de papel e composta por integrantes da familia Pita e o propio Concello.

Tras dous anos nos que non se celebraron as festas e por tanto non houbo romarías espérase que as festas deste ano e, máis concretamente, as dúas xiras aos Caneiros teñan mesmo máis participantes que en anos de prepandemia “polas ganas que hai de volver celebralas e pola resposta que está a haber noutras celebracións”, explica a primeira edil. Ante esa situación, o Concello e a Subdelegación do Goberno levan traballando desde hai semanas “nun plan de seguridade que incremente a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, que estes anos xa foi magnífica, para que todo transcorra con normalidade a pesar dos miles de persoas que se espera participen tanto nesas dúas xiras como no día do Globo”.

No caso das xiras aos Caneiros, a Garda Civil encargarase da seguridade no campo de celebración, con presenza tamén o río, mentres que a Policía Local estará presente nos accesos por terra ao camiño dos Caneiros.

A primeira edil indicou que o obxectivo é que todo transcorra dentro duns parámetros de normalidade por que “aínda entendo que levamos dous anos sen celebracións e todos queremos que volvan, certo é que desde o Concello e a Subdelegación temos a obriga de velar pola seguridade e evitar, como en anos anteriores, incidentes no campo dos Caneiros”. Destacou os bos resultados dos anos previos á pandemia desde que se incrementou a colaboración entre as forzas de seguridade.