Betanzos abre prazo de inscrición para ser “representante” maior ou infantil das festas patronais de agosto.

45

O Concello abriu onte luns, día 3, o prazo de inscrición para elixir representantes das festas patronais de San Roque que se celebrarán entre o 14 e o 25 de agosto.

Esta figura de “representante maior” e “representante infantil” substituíu o ano pasado a figura da raíña das festas. Así, calquera persoa ou grupo de persoas, sexa cal sexa o seu xénero poderán ser representante/s das festas patronais.

 

A elección farase nun sorteo público e para participar neste proceso poderán presentar solicitude a título particular ou ben poderán ser propostos nomes a través de entidades do Concello.

O Concello publicou as bases xunto a apertura do prazo de inscrición que se poderá facer a través da páxina web www.novas.betanzos.gal 

O prazo rematará  o vindeiro día 20. O sorteo público será o xoves día 27 ás 12:00 h no salón azul do edificio Arquivo.

Na elección poderá presentar candidatura calquera persoa ou grupo de persoas ou ben a título individual ou ben a través dunha entidade betanceira (club, asociación….), sexa cal sexa a súa orientación sexual ou identidade de xénero e sempre e cando se cumpran unha serie de  requisitos. Para o representante maior: estar empadroado/a en Betanzos, ter 17,18 e 19 anos no ano en curso e non ter sido representante con anterioridade. Para o representante menor: estar empadroado/a en Betanzos, ter 8 ou 9 anos no ano en curso e non ter sido representante con anterioridade.

A persoa elixida por sorteo poderá levar a vestimenta e as cores coas que desexe participar no desfile sempre que sexa acorde a unha celebración. A disposición da comitiva dos desfiles dos días 14, 15 e 16 de agosto será tamén a que elixa a persoa representante, sempre que sexa compatible coa do propio desfile, (é dicir, as persoas poderán ir de dúas en dúas, en grupo de tres, de catro.…). A comitiva da/s persoa/s representante/s terá un máximo de 24 integrantes.

O Concello non organizará ningunha cea vinculada á elección da persoa ou persoas representantes das festas. Se as persoas organizan algún tipo de celebración privada poderán solicitar, igual que calquera outra veciña ou veciño a cesión dun local público para facela.