Betanzos acollerá a primeira Batalla de Galos dentro da II FESTA DA XUVENTUDE

37

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, acompañada do edil de Xuventude, Andrés Pandelo, presentou a II Festa da Xuventude, que terá lugar o vindeiro luns 16 de maio. O evento, dirixido a toda a mocidade do municipio, acollerá a primeira Batalla de Galos, unha competición entre a mocidade que ten a habilidade de rapear con ritmo de forma improvisada (freestyle) cun micrófono sobre unha base musical. A batalla de rapeiros comezará sobre as 17:00 h no auditorio do Pasatempo.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, acompañada do edil de Xuventude, Andrés Pandelo, presentou a II Festa da Xuventude no edificio Liceo

Sobre a mesma hora e ata as 20:00 h habilitarase unha caseta de asesoramento sexolóxico gratuíto por conta da Federación de Planificación Familiar Sedra, organización non gobernamental que traballa para que todas as persoas poidan exercer o dereito a decidir libremente sobre a súa sexualidade e reprodución e o dereito a ter acceso a todos os servizos que se necesiten.

Ás 18.30 h a Festa da Xuventude continuará cunha actuación dirixida aos máis pequenos e pequenas por conta de Genma Pardo, cómica, actriz e contacontos. A partir das 19:30 h realizarase un Obradoiro de cócteles sen alcol que dirixirá Compás.

Durante toda a tarde EndiMasPro, ALEM e Dj Sebas 21 serán os encargados de amenizar coa súa música o evento, antes da actuación de Pablo Duro (22:00 h) e da Orquestra New York (23:00 h).

Finalmente, Dj Sebas 21 será o encargado de pechar a festa de 01:30 a 02:30 horas. O servizo de barra correrá por conta da Asociación de hostalaría de Betanzos.

A alcaldesa lembra que o obxectivo da festa é “potenciar e apoiar citas festivas que contribúan a dinamizar a actividade dos mozos e a súa implicación nestas”.