Aberto o prazo para que os autónomos e microempresas poidan inscribirse na campaña “Merca tan cerca”

169

Betanzos iniciará en decembro unha nova acción de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro. Dentro do programa de apoio a estes sectores, especialmente afectados pola Covid- 19, o Concello iniciará en decembro unha campaña de apoio directo para impulsar que “os betanceiros e betanceiras compremos e gastemos en Betanzos, poñendo en valor o noso”.

 

 

Unha campaña coa que o Concello completará os programas Reactiva Betanzos e Reactiva Provincial, actuacións impulsadas pola Administración local e a Deputación para as que se destinan arredor de 400 000 euros dirixidas a autónomos e autónomas e  empresas que se visen afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma ou unha redución nos seus ingresos.

A campaña desenvolverase desde decembro ata febreiro, baixo o lema “Merca, tan cerca”, en liña co lema Betanzos tan cerca, que desde hai anos acompaña as accións promocionais da cidade.

A campaña porá en circulación 6000 euros para incentivar as compras nos establecementos betanceiros. Por cada compra de 10 euros que se realice ata o 5 de xaneiro en cada un dos establecementos asociados á campaña, recibirase un boleto que entrará no sorteo, que se realizará a principios de xaneiro, de tarxetas bancarias moedeiro que  terán varios importantes.

Do mesmo xeito que un sorteo de lotería nacional, sortearase un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 200 euros e cinco de 100 euros, ademais doutras 150 tarxetas regalo cada unha delas cargadas con 30 euros.

As persoas agraciadas poderán gastar estas tarxetas ata o 28 de febreiro de 2021 en calquera dos establecementos asociados á campaña. Desta forma, no sector comercial, potenciarase tamén a compra no período de rebaixas.

Os establecementos participantes, xa sexa comercio, hostalaría ou outro tipo de actividade, terán un distintivo da campaña para que as persoas consumidoras saiban onde poden conseguir tanto os boletos para participar no sorteo das tarxetas como logo onde gastar o diñeiro desas tarxetas moedeiro que poderán utilizar nunha soa compra ou en todas as que desexen ata consumir o premio que conteñan.

Haberá ademais, sorteos en medios de comunicación e a través de redes sociais onde tamén se poderá optar a tarxetas moedeiro cargadas con 50 euros para gastos nas empresas ou establecementos adheridos á campaña.

A alcaldesa, María Barral, xunto coa concelleira de Comercio, Ángeles Veiga, presentou esta iniciativa coa que “desde o  Concello queremos seguir axudando ao tecido comercial, hostaleiro e, en xeral, aos profesionais de Betanzos nun momento difícil e complicado para a nosa economía como consecuencia da Covid”. A campaña foi presentada ás dúas asociacións de comerciantes, tanto a Acebe como a Chescasco, aínda que “ao estar impulsada desde o  Concello está aberta á participación de todo aquel profesional que teña a súa actividade  nun local de Betanzos. Falamos de profesionais do taxi, de gasolineiras, xestorías, panadarías, clínicas, etc”.

Para iso, como requisito indispensable terán que permitir o pago a través dunha TPV e inscribirse nun formulario que estará dispoñible na web do  Concello ou nas oficinas do edificio Liceo. Terán de prazo máximo  para inscribirse ata o 4 de decembro. A campaña comezará oficialmente o 9 dese mesmo mes.

Para inscribirse on line prema aquí

Para descargar o formulario en papel prema aquí  

Cartel da campaña “Merca tan cerca”